Inicio Galicia A Xunta e a USC traballan conxuntamente para que a nova PAC...

A Xunta e a USC traballan conxuntamente para que a nova PAC 2021-2027 recolla as singularidades do agro galego

0

A través dun convenio de colaboración, porase en marcha un grupo de traballo multidisciplinar que elaborará o Plan Estratéxico da PAC para Galicia no horizonte 2030


A Consellería do Medio Rural vén de formalizar un convenio de colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) para a elaboración do Plan Estratéxico da PAC en Galicia Horizonte 2030. Desta forma preténdese que a nova PAC 2021-2027 recolla as particularidades de Galicia e defenda os intereses dos agricultores e gandeiros no seguinte período de axudas.

Para poder elaborar o Plan Estratéxico Nacional da PAC, que está coordinado en España polo Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA), cada comunidade autónoma ten que enviar as súas liñas de acción onde se recolla a situación e obxectivos de cada rexión. Deste xeito, a través deste convenio elaborarase o Plan Estratéxico para Galicia, que pretende ser un exercicio de reflexión estratéxica no que se defina a visión da agricultura e do medio rural no futuro da nosa comunidade, de forma que Galicia teña unha participación activa nas diferentes fases do proceso de elaboración do Plan Estratéxico Nacional.

Para iso, o grupo de traballo multidisciplinar -creado a raíz deste convenio- será o encargado de analizar a situación de contexto do rural galego, elaborar unha análise DAFO, unha avaliación das necesidades e propor unha estratexia de intervención no medio rural galego. Neste sentido, estableceranse cinco subgrupos que agruparán os ámbitos relativos aos nove obxectivos da PAC para o próximo período 2021-2027, que xiran arredor da modernización do sector agrario, a través do fomento e a posta en común do coñecemento, a innovación e a dixitalización nas zonas agrarias e rurais.

Un dos obxectivos principais deste grupo multidisciplinar e que se quere trasladar a nivel nacional é o de buscar a viabilidade económica das explotacións agrogandeiras desde unha perspectiva integral, apostando polo I+D+i neste sector estratéxico galego, co fin de mellorar a competitividade das granxas e conseguir unha renda digna para os profesionais que traballan no medio rural.

Do mesmo xeito, desde Galicia preténdese que a PAC 2021-2027 sexa compatible con certos sectores e temas de especial relevancia para a nosa comunidade, como é o Plan estratéxico para o sector lácteo, a ordenación e mobilización produtiva das terras agroforestais, o Plan Forestal de Galicia, a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia e o Plan estratéxico galego de Agricultura Ecolóxica.

Neste sentido, o Goberno galego sempre apostou por un único plan estratéxico por Estado que recolla as singularidades da nosa comunidade autónoma para así simplificar a tramitación e garantir a igualdade de oportunidades entre os beneficiarios. Así mesmo, a Consellería do Medio Rural insiste na necesidade de que a nova PAC siga estando baseada en dous piares: as axudas directas e o desenvolvemento rural.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre