Inicio Galicia A Xunta e a USC, premiadas pola súa contribución ao desenvolvemento sustentable...

A Xunta e a USC, premiadas pola súa contribución ao desenvolvemento sustentable do Camiño de Santiago

0

A Asociación Española de Ciencia Rexional vén de galardoar o traballo do impacto socioeconómico da Ruta Xacobea elaborado polo grupo GAME da USC

A Asociación Española de Ciencia Rexional vén de premiar o traballo de investigación impulsado pola Xunta e Galicia e elaborado polo grupo de investigación GAME da Universidade de Santiago (USC) que estuda o impacto socioeconómico do Camiño de Santiago e que se está a converter nunha eficaz ferramenta para a toma de decisións na xestión galega ao redor da Ruta Xacobea.

O traballo, presentado o ano pasado, foi recoñecido co VI Premio Blog a Riqueza das Rexións á mellor entrada de 2019 nesta plataforma da asociación española, pola súa achega á sustentabilidade do Camiño de Santiago. O documento resume parte dos resultados alcanzados no marco dun convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura e Turismo e este grupo de investigación no que se abordan, con innovadoras metodoloxías de análise, o impacto que o patrimonio cultural e os recursos turísticos poden ter sobre as poboacións locais polas que atravesa o Camiño de Santiago.

O estudo amosa a positiva repercusión do Camiño de Santiago nos concellos do rural galego, onde é visto como unha oportunidade de desenvolvemento por parte da poboación local. Tamén achega reveladores indicadores sobre o gasto dos peregrinos, demostrando que concentran o 2,3% do gasto turístico na Comunidade e, á vez, cada un deles supón o mesmo impacto económico que 2,3 turistas pola distribución dese gasto que realizan e o seu impacto sobre a economía local, xa que consumen máis en servizos directamente relacionados coa xeración de emprego que xeralmente se producen localmente.

Satisfacción e fidelidade dos peregrinosAdemais, a investigación sobre o impacto socioeconómico constata que a capacidade de acollida dos camiños de Santiago é superior á actual, descartando unha posible saturación, e amosa tamén a satisfacción dos peregrinos e dos residentes locais. Tamén fala da fidelidade dos peregrinos, xa que máis da metade pensa repetir percorrendo outros dos itinerarios. O estudo tamén permite analizar os aspectos máis e menos valorados tanto polos galegos como polos peregrinos en canto ás infraestruturas no Camiño de Santiago.

Este premio supón un recoñecemento ao esforzo conxunto da Xunta e a Universidade de Santiago no desenvolvemento destas novas ferramentas de análise, así como ao esforzo deste grupo coordinado polos investigadores Melchor Fernández, Dolores Riveiro e Roberto Bande, por divulgar á sociedade os resultados da súa actividade investigadora. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre