Inicio Galicia A Xunta e a Real Academia Galega de Belas Artes levarán unha...

A Xunta e a Real Academia Galega de Belas Artes levarán unha mostra sobre o Camiño de Santiago ás sete cidades galegas

0

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o presidente da RAGBA, Manuel Quintana Martelo, asinaron un convenio que permitirá levar a cabo dous proxectos centrados no ámbito xacobeo

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA), Manuel Quintana Martelo, asinaron hoxe un convenio de colaboración que permitirá afondar no vínculo entre a cultura e o Camiño de Santiago. Deste xeito, ambas institucións traballarán xuntas na creación de dous proxectos que levarán o legado xacobeo polas sete cidades galegas a partir do próximo mes de xullo. Os proxectos tamén chegará as vilas de Melide, Vilagarcía de Arousa e Tui afondando no obxectivo do Goberno galego de descentralizar a celebración do Ano Santo facendo partícipe a toda a cidadanía galega.

Durante o acto de sinatura, o titular de Cultura e Turismo salientou que se trata dun acordo que pon de manifesto a vontade da Administración autonómica para colaborar na reactivación e desenvolvemento dunha programación cultural de calidade. “O Xacobeo 2021 debe funcionar como un elemento de dimensión internacional que nos permita avanzar nunha recuperación transversal da nosa cultura e doutros sectores económicos fundamentais como o turismo”, precisou . Neste sentido, engadiu, agora é “máis importante que nunca” afianzar o vínculo entre a cultura e o Ano Santo buscando a colaboración con entidades como a Real Academia Galega de Belas Artes.

Concretamente, ao amparo deste protocolo impulsaranse dous proxectos que reflicten a importancia do legado xacobeo para a sociedade galega e que permitirán consolidar a imaxe de Galicia a través da súa cultura. Trátase dun ciclo de conferencias e debates que estarán relacionadas co patrimonio e a cultura da nosa terra e dunha mostra itinerante que incluirá obras dunha ducia de artistas que farán a súa propia interpretación do Camiño de Santiago.

Descentralización do Xacobeo 2021Ambos proxectos afondan no obxectivo da Xunta de Galicia de descentralizar a celebración do vindeiro Xacobeo xa que se levarán a cabo nas sete cidades galegas e nas vilas de Melide, Vilagarcía de Arousa e Tui, polas que pasa o Camiño de Santiago. Así, Román Rodríguez destacou que neste escenario de incerteza é importante conseguir que o Xacobeo 2021 sexa “máis descentralizado que nunca para que se faga sentir en toda Galicia”. Por último, o conselleiro de Cultura e Turismo recoñeceu que o actual é un momento especialmente duro para todos os profesionais do sector cultural, pero se mostrou confiado de que “traballando xuntos e sumando forzas conseguiremos pasar por isto e iniciar os primeiros pasos cara a recuperación”. Nesta liña, destacou que a cultura é un ámbito fundamental para a economía da nosa Comunidade, xa que supón case o 3% do noso Produto Interior Bruto e xera preto de 35.000 postos de traballo.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre