Inicio Galicia A Xunta e a Fundación Juana de Vega entregan 50 carballos autóctonos...

A Xunta e a Fundación Juana de Vega entregan 50 carballos autóctonos a seis entidades para contribuír á recuperación e conservación da biodiversidade xenética vexetal galega

0

Estes son os primeiros resultados dun convenio asinado no 2017 entre a Consellería do Medio Rural e a esta fundación


A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), vén de entregar 50 exemplares autóctonos a seis entidades co obxectivo de recuperar e conservar a biodiversidade xenética vexetal de interese agrario de Galicia. As organizacións beneficiarias son a Comunidade de Montes Veciñal de Teis, a Comunidade de Montes Veciñal de Monte Xalo, a Sociadade galega de Historia Natural, a Fundación Eduardo Pondal, a Fundación Fragas do Mandeo e a Asociación pola Conservación do Ecosistema Forestal Galego.

Estas cesións son os primeiros resultados prácticos do convenio de colaboración asinado no 2017 entre a consellería e a Fundación Juana de Vega e que tiña por obxectivo a caracterización e recuperación de variedades vexetais autóctonas da comunidade, como é o caso da castaña, as diferentes variedades de vide, millo e outros cereais, ademais de castiñeiros e carballos. E precisamente nesta última especie é na que centrou o acto de hoxe celebrado na sede da Fundación Juana de Vega, en San Pedro de Nós, na que participou o presidente da Agacal, Manuel Rodríguez, e o seu homólogo da fundación, Enrique Sáez. Ademais, o director do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, Enrique Martínez Chamorro, explicou as distintas fases deste proxecto, os primeiros resultados e a súa continuidade no futuro a través da multiplicación in vitro destes exemplares.

O orzamento do convenio foi de preto de 450.000 euros, financiados nun 60% pola Consellería do Medio Rural, a través do Agacal, e nun 40% pola fundación para a contratación de persoal. En concreto, seleccionáronse seis traballadores con perfil de técnico ou persoal de campo ata 2020. Pero ademais, este acordo permitiu mobilizar fondos por valor de ata un millón de euros procedentes do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia, para poñer en marcha este proxecto que busca conservar as variedades tradicionais dos producións galegas e, en último caso, facelas chegar ao sector, como se comezou a facer hoxe. Así, os traballos consisten na conservación e multiplicación dos recursos fitoxenéticos que se gardan nos centros dependentes da Xunta como acontece no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) co millo, trigo, centeo e produtos da horta; no Centro de Investigación Forestal de Lourizán cos castiñeiros e carballos e na Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) cos diferentes tipos de viñas.

Cómpre sinalar que os recursos fitoxenéticos son de vital importancia para garantir o futuro e a sustentabilidade da agricultura e por iso a conservación do patrimonio xenético custodiado nos bancos de xermoplasma dos centros de investigación da Agacal é un dos obxectivos asignados ao sistema de investigación agroforestal da administración pública galega. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre