Inicio Galicia A Xunta e a Fundación de Enxeñería Civil desenvolverán con talento galego...

A Xunta e a Fundación de Enxeñería Civil desenvolverán con talento galego un sistema punteiro de predición do risco de inundacións para adaptar a xestión da auga ao cambio climático

0

Vázquez Mourelle destaca que este acordo, cun investimento duns 175.000 euros, permitirá impulsar unha ferramenta para reducir os riscos potenciais, para persoas e bens, que poidan provocar os desbordamentos puntuais dos ríos

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou hoxe co presidente da Fundación de Enxeñería Civil de Galicia, Juan María Loureda Mantiñán, o convenio que desenvolverá con talento galego un sistema punteiro de predición fronte ao risco de inundacións co fin de combater os efectos do cambio climático na xestión da auga. No acto de sinatura, que tivo lugar esta mañá na sede da Fundación, no campus de Elviña, participou tamén o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde.

Este acordo conta cun investimento duns 175.000 euros para o impulso desta ferramenta que contribuirá a reducir os riscos potenciais, para persoas e bens, que poidan provocar os desbordamentos puntuais dos ríos.

Vázquez Mourelle destacou que o Goberno galego leva tempo traballando para adaptar a xestión da auga ao cambio climático, xa que agora hai períodos de escaseza de precipitacións que se intercalan con outros de choiva concentrados no tempo e no espazo. Neste contexto, cómpre anticiparse e estar preparados para afrontar estas novas realidades.

Subliñou que o convenio vai encamiñado a sumar o coñecemento dos técnicos de Augas de Galicia e o saber en enxeñería e nas novas tecnoloxías dos técnicos desta fundación ligada á Universidade da Coruña.

Esta transferencia de coñecementos e a innovación mellorarán o sistema de alerta de risco de inundación que vén empregando a Xunta desde o 2004, o sistema Artemis. Este mecanismo será optimizado, pois a día de hoxe Augas de Galicia conta cunha mellor caracterización das bacías e coñece mellor a súa perigosidade e vulnerabilidade. Ademais, a fundación desenvolveu unha serie de estudos que permiten traballar con modelos de inundacións máis precisos, como parte do sistema de predición en tempo real.

O novo mecanismo desenvolverase en dúas fases: na primeira, tomaranse como referencia 4 concas para facer as probas piloto e nunha segunda, estenderase o modelo de predición ao resto de concas da demarcación hidrográfica Galicia-Costa.

A conselleira indicou que, dun xeito automático e continuo, se poderá estimar con maior fiabilidade o caudal que se producirá nun determinado punto ou determinar, en tempo real, o risco que hai en cada zona, identificando, ademais, os elementos máis vulnerables.

O sistema procesa de forma automática as predicións de Meteogalicia sobre precipitacións como base para calcular o comportamento dos caudais dos ríos e, en caso de detectar risco, trasladará a alerta á Dirección Xeral de Emerxencias.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre