Inicio Galicia A Xunta e a Fegamp incrementan a súa aposta pola mellora da...

A Xunta e a Fegamp incrementan a súa aposta pola mellora da coordinación dos servizos sociais comunitarios

0

O obxectivo é afondar na colaboración conxunta necesaria para aumentar a calidade das prestacións que realizan tanto as entidades locais como a administración autonómica


O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, vén de asinar un convenio de colaboración co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfredo García Rodríguez, que ten por obxecto mellorar a coordinación no ámbito dos servizos sociais. Con esta finalidade, a Xunta subvencionará ata un máximo de 17.000 euros aquelas accións que sexan precisas para impulsar e reforzar a colaboración dos servizos sociais comunitarios municipais entre si e cos de titularidade da Xunta de Galicia.

O conselleiro referiuse este acordo como “un paso máis adiante na liña de traballo que desde o primeiro momento está a levar a cabo esta Consellería e que ten entre os seus eixes principais o diálogo e a colaboración continua co resto de administracións e coas entidades sociais coa finalidade de conseguir, entre todos, que Galicia conte coas mellores políticas sociais e uns servizos de proximidade e de calidade”. Neste entendemento e aposta polo traballo conxunto enmarcou outras actuacións como a Axenda Social Única de Galicia ou o acordo marco para o financiamento dos servizos sociais no ámbito municipal que presta o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

No que atinxe ao convenio hoxe subscrito, este contempla a necesidade de integrar a perspectiva local e de canalizar a participación de persoal técnico dos servizos sociais comunitarios das entidades locais nos diferentes planes, programas e proxectos en materia de inclusión social que se están a acometer ou que se desenvolverán por parte do departamento autonómico. Nomeadamente, Consellería e Fegamp teñen a intención de afondar no traballo conxunto para fomentar a adhesión dos concellos á Historia Social Única Electrónica (HSUE), no desenvolvemento do proxecto do ‘Observatorio Social’ e na elaboración do Plan de Atención ás persoas sen fogar de Galicia. Así mesmo, esta colaboración tamén se estende a dúas estratexias que ten en marcha a Consellería desde o ano 2014 e con vixencia ata o 2020, que son a de Inclusión Social de Galicia e outra específica dirixida á poboación xitana.

Por último, o convenio fai mención á participación do persoal técnico dos servizos sociocomunitarios básicos nos traballos para definir un novo indicador complexo que permita mediar a exclusión territorial, en colaboración co Instituto Galego de Estatística; así como á participación das persoas representantes da Fegamp nas mesas de traballo creadas no marco da Axenda Social Única de Galicia, que é a suma de esforzos suma os esforzos da Xunta, dos concellos e das entidades para facer fronte ás situacións de exclusión.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre