Inicio Galicia A Xunta e a Fegamp acordan avanzar nos trámites administrativos relacionados coa...

A Xunta e a Fegamp acordan avanzar nos trámites administrativos relacionados coa construción para facilitar a reactivación do sector

0

A Fegamp acepta a petición da Xunta de elaborar unhas recomendacións para os concellos que permita avanzar na tramitación dos procedementos municipais relacionados coas obras, como as licenzas ou autorizacións


Santiago, 6 de abril de 2020.- A Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) acordaron hoxe avanzar nos trámites administrativos relacionados coa construción, co obxectivo de facilitar que o sector se poida reactivar en canto se levanten as restricións derivadas da emerxencia sanitaria provocada polo COVID-19.

Este é o acordo ao que chegaron ambas as administracións no marco dunha videoconferencia que mantiveron esta mañá a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alberto Varela, na que participaron representantes do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos e da Federación Galega da Construción.

A Fegamp atendeu a petición trasladada pola Xunta de elaborar unhas recomendacións para os concellos que permita avanzar na tramitación dos procedementos municipais relacionados coas obras, como é o caso das licenzas ou autorizacións.

Ethel Vázquez asegurou que o Goberno galego dispón dos medios e da vontade para, a través do teletraballo, avanzar nos trámites dependentes da adminisración autonómica. Polo que, apostou por que, tamén nas administracións locais se continúe coa tramitación dos procedementos relacionados coa construción e as obras públicas.

Vázquez Mourelle, que estivo acompañada polo director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e pola directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, subliñou que o obxectivo é que unha vez se suspendan as restricións, o sector da construción se reactive canto antes, evitando que siga parado varias semanas agardando a que os papeis e os trámites necesarios se movan nas administracións.

Ethel Vázquez lembrou o compromiso xa asumido pola Xunta de axilizar o pago das certificacións pendentes e de acompañar ás construtoras para reiniciar a súa actividade con plena seguridade en canto sexa posible.

Fixo fincapé en que estas iniciativas contribuirán a paliar o dano económico que esta situación está a supoñer para os traballadores da construción, a arquitectura e as obras públicas, arredor duns 80.000 profesionais, así como a fomentar a súa recuperación cando empece a ser posible.

O Goberno galego vén mantendo contacto permanente desde que comezou esta situación, polo que coñece as preocupacións do sector, tanto no inmediato, que afecta á súa liquidez, como polas perspectivas de futuro, e as consecuencias desta paralización administrativa. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre