O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe no Pleno extraordinario do Consorcio Provincial Contraincendios e de Salvamento de Pontevedra
O Consorcio Provincial para a Prestación do Servizo Contraincendios e de Salvamento de Pontevedra, integrado pola Xunta de Galicia e a Deputación pontevedresa, aprobou hoxe por unanimidade a contratación e a licitación para a compra dun vehículo pesado de rescate en altura, con base no parque de bombeiros do Porriño.
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, participaron hoxe no pleno extraordinario do Consorcio no que se aprobou a adquisición deste vehículo, valorado en case 800.000 euros, que se financiará a cargo dos orzamentos do organismo deste ano. Á reunión tamén asistiu o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), Marcos Araújo.
No encontro de hoxe aprobáronse ademais as condicións do convenio de colaboración entre o Consorcio e UNESPA para a contribución aos servizos de extinción de incendios.