Inicio Galicia A Xunta e a Deputación de Ourense acordan colaborar na promoción dunha...

A Xunta e a Deputación de Ourense acordan colaborar na promoción dunha mobilidade segura e da implantación da tarxeta Xente Nova en toda a provincia

0

Estímase que uns 5.200 mozos menores de 21 anos desta provincia farán uso da tarxeta Xente Nova para viaxar gratis no autobús interurbano da Xunta


A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o presidente da Deputación provincial, José Manuel Baltar, mantiveron hoxe un encontro de traballo no que acordaron colaborar na promoción dunha mobilidade segura e na implantación da tarxeta Xente Nova en toda a provincia.

No encontro, o Goberno galego agradeceu a disposición á colaboración da Deputación para dar a coñecer entre os mozos este dispositivo, que desde este luns, día 15, lles permite aos menores de 21 anos da provincia viaxar gratis no transporte da Xunta. O Executivo autonómico estima que uns 5.200 mozos da provincia farán uso da tarxeta Xente Nova para viaxar gratis no autobús interurbano da Xunta.

Ourense é a primeira provincia na que se implanta esta tarxeta, na súa totalidade. Desde hai unha semana, desde o día 10 que é desde que se pode solicitar a tarxeta, xa se emitiron 242 dispositivos, dos que 93 corresponden ao Concello de Ourense e 82 ao de Barbadás.

Esta tarxeta moedeiro non precisa ter unha conta asociada e pódese solicitar nas 24 oficinas de Abanca habilitadas. Simplemente hai que pedir cita previa na oficina e os menores de idade deberán ir acompañados dun dos proxenitores.

Ademais desde este luns día 15 tamén se pode empregar en toda a provincia a tarxeta TMG, que supón bonificacións no transporte interurbano. Neste caso, estímase que serán uns 108.000 cidadáns da provincia os que a usen.

Listado de oficinas nas que se pode solicitar a tarxeta Xente Nova e TMG Ourense

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre