Inicio Galicia A Xunta e a Deputación da Coruña abordan vías de cooperación para...

A Xunta e a Deputación da Coruña abordan vías de cooperación para axudar aos concellos a cumprir as súas competencias sobre incendios forestais

0

Ambos responsables avaliaron, xunto co director xeral de Defensa do Monte, iniciativas coma o convenio entre o Goberno galego, a Fegamp e Seaga para a xestión da biomasa preto das vivendas ou a figura das aldeas modelo


O conselleiro do Medio Rural, José González, reuniuse hoxe co presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, para abordar posibles mecanismos de cooperación que axuden aos concellos a cumprir as súas competencias en materia de prevención e extinción de incendios.

Na xuntanza, na que tamén participou o director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, o conselleiro explicoulle ao presidente provincial os pormenores do convenio asinado entre a Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a empresa pública Seaga para a xestión da biomasa nas aldeas. Este acordo permitiu a creación dun sistema público que traballa no acondicionamento e mellora das faixas de protección das vivendas, involucrando nestas tarefas tanto aos propietarios das parcelas como aos concellos, xa que esta limpeza compete aos propietarios e, de maneira subsidiaria, aos concellos.

Ademais, José González subliñou neste encontro de traballo a posta en marcha da figura das aldeas modelo, no marco do devandito convenio, para dinamizar os núcleos rurais incentivando a actividade agrogandeira na súa contorna, ao tempo que se fai prevención fronte o lume.

Nesta liña, o conselleiro trasladou tamén a González Formoso o interese da Xunta en continuar e intensificar o apoio aos concellos no que atinxe ao labor das brigadas municipais e ao traballo de prevención que se pode facer mediante o uso de tractores e outro tipo de maquinaria municipal.

Tanto José González coma o director xeral de Defensa do Monte agradeceron a boa disposición do presidente da Deputación coruñesa a estudar esa posible cooperación, nunha reunión na que tamén se abordaron outros asuntos de actualidade para favorecer, mediante esa suma de esforzos, o medio rural da provincia en particular e de toda Galicia en xeral.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre