Inicio Galicia A Xunta e a confraría de Cambados organizan unha recollida de lixo...

A Xunta e a confraría de Cambados organizan unha recollida de lixo mariño na ría de Arousa dentro do proxecto CleanAtlantic

0

A acción está promovida polo Centro Tecnolóxico do Mar en colaboración coa confraría de Cambados e desenvolverase entre o luns e o xoves da próxima semana coa participación da frota de rastro de vieira

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar desenvolverá entre o luns e o xoves da próxima semana unha nova campaña de retirada de lixo mariño na ría de Arousa coa colaboración da frota de rastro de vieira da confraría de Cambados. Trátase dunha acción enmarcada no proxecto europeo CleanAtlantic, que está coordinado polo centro dependente da Consellería do Mar e financiado polo Programa Espazo Atlántico. O seu obxectivo é mellorar as capacidades para previr, monitorizar e reducir o lixo mariño a través da cooperación rexional.

No marco das actividades orientadas á redución do lixo no mar, esta iniciativa inclúe unha serie de accións piloto dirixidas a estudar as condicións operativas e loxísticas máis adecuadas para a retirada de lixo mariño coa colaboración do sector pesqueiro e a coñecer as capacidades dos diferentes aparellos para estas actuacións de limpeza.

A campaña que se levará a cabo nos vindeiros días coa colaboración da confraría de Cambados consistirá na localización e retirada de lixo do fondo mariño e de artes de pesca abandonadas ou perdidas mediante a participación dos pescadores, que depositarán eses residuos recuperados durante as faenas ordinarias de pesca en sacos específicos a bordo de cada embarcación. Para facilitar a operativa dos profesionais participantes, un barco bateeiro actuará como plataforma intermedia de depósito deses sacos, que serán pesados, caracterizados e posteriormente levados á terra para a súa correcta xestión.

Desta maneira dáse continuidade á campaña de retirada de residuos dos fondos mariños realizada pola frota de bou de vara desta confraría a comezos deste mes e na que se retiraron cerca de 3.000 quilos de residuos da zona interna da ría de Arousa. Con estas actividades o Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar) avanza na colaboración co sector pesqueiro en proxectos centrados no estudo e retirada de lixo mariño unindo a limpeza do fondo mariño coa adquisición de datos sobre esta problemática que afecta ao conxunto dos océanos e poñendo de manifesto a forte implicación do sector pesqueiro galego na protección e conservación dos mares.

A información obtida permite coñecer con maior detalle as mellores condicións operativas para a recollida de residuos, a súa orixe e as cantidades así como os impactos no medio, o que aporta información fundamental para deseñar posteriormente medidas orientadas á redución do lixo que chega ao mar e a súa xestión.

O proxecto CleanAtlantic no que se enmarcan estas accións de recollida de lixo no mar comezou en setembro de 2017 e finalizará en agosto de 2020. O consorcio está integrado por 19 organizacións de cinco países (España, Francia, Portugal, Irlanda e Reino Unido) e as entidades galegas participantes son o Cetmar, o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) ademais de investigadores dos centros galegos do Instituto Español de Oceanografía (IEO).

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre