Inicio Galicia A Xunta duplicará o orzamento en transporte público en 2020 para achegar...

A Xunta duplicará o orzamento en transporte público en 2020 para achegar o autobús ao conxunto da poboación e estender as viaxes gratuítas ata os 21 anos

0

Vázquez Mourelle subliña que o 97% da poboación estará a menos de 200 metros dunha parada de autobús e se estenderán a toda Galicia as vantaxes do transporte metropolitano e a tarxeta Xente Nova


A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe que a Xunta duplicará o orzamento en transporte público en 2020 para achegar o autobús ao conxunto da poboación e estender as viaxes gratuitas ata os 21 anos.

Vázquez Mourelle compareceu hoxe na Comisión 3ª, de Economía, Facenda e Orzamentos, para presentar os presupostos do seu departamento para 2020, que ascenden a máis de 445 millóns de euros, supoñendo un incremento de 5 millóns máis con respecto ao anterior.

Puxo en valor o rigor destes orzamentos que permiten destinar case 40 millóns de euros neste exercicio a pagar a débeda por obras xa executadas e contribuír tamén á construción dunha Galicia máis verde, familiar, moza e innovadora na nova década que vai comezar.

Subliñou que estas contas autonómicas recollen unha partida de máis de 60 millóns de euros, o que significa multiplicar por 2,5 veces o destinado o ano pasado, para a mellora dos servizos do transporte co impulso á reordenación do transporte público por estrada en toda a comunidade e o mantemento do Plan de Transporte Metropolitano.

Precisou que o Goberno galego continúa traballando para levar o autobús a lugares que antes non chegaba e atender horarios que quedaban sen atender a través do transporte compartido e a demanda.

Adiantou que o 97% da poboación estará a menos de 200 metros dunha parada de autobús e que os usuarios de toda Galicia se beneficiarán das vantaxes do transporte metropolitano e a tarxeta Xente Nova. Para isto, duplicaranse amplamente os servizos existentes hai 3 anos, pois cos novos contratos os galegos disporán de preto de 61 millóns de km de servizos de autobús cada ano.

Apoio ás familiasFixo fincapé no selo social deste orzamento dirixido ao transporte, pois o Plan de Transporte Metropolitano contribúe a axudar ás familias e aposta polos mozos coa extensión progresiva, conforme se vaian implantando os novos servizos de transporte, a toda Galicia das tarifas bonificadas que supón a Tarxeta de Transporte Público e a Xente Nova.

Explicou que se estenderán as bonificacións para todos os usuarios, de xeito extra para os recorrentes e aínda maiores para as familias numerosas. Ademais, a ampliación da tarxeta Xente Nova aos 21 anos permitirá que 40.000 mozos máis se beneficien do transporte interurbano gratis que xa están a empregar na actualidade os menores de 19 anos.

Engadiu a reserva de 1,5 millóns de euros para sumarlle a estes descontos no transporte as bonificacións para familias numerosas nas peaxes das autoestradas autonómicas, que se engadirán ás existentes desde 2010 para usuarios recorrentes e ás de horario nocturno.

Para acadar unha Galicia máis familiar, mentres non se logra a transferencia da titularidade da AP-9, a Xunta reiteraralle ao Goberno central que suprima a peaxe en Redondela e abarate os desprazamentos aos usuarios recorrentes e en horas de menos tráfico.

Chegada do AVEA titular de Mobilidade instou ao Goberno central a confirmar prazos fiables, transparentes e realistas de cando van estar completamente rematadas as obras e de cando os galegos poderán ir a Madrid en AVE.

Concretou que a Xunta traballa para aproveitar ao máximo o potencial do AVE e reserva nos Orzamentos de 2020 partidas de 30 millóns de euros para poñer en servizo as terminais de autobuses de Santiago, Ourense e Pontevedra, darlle pulo á de Vigo e avanzar nos proxectos da Coruña, Lugo e Ferrol.

Apuntou que estes avances nas grandes infraestruturas, serán completados, segundo avanzou, con actuacións máis a pequena escala como a renovación de marquesiñas ou a continuación da mellora das estacións.

Xacobeo 2021Ás grandes oportunidades para Galicia sumou a celebración do Xacobeo 2021, que poderá ofrecer a mellor imaxe de Santiago e reforzar a marca Galicia grazas a actuacións como a mellora e integración paisaxística das entradas dos Camiños na cidade compostelá.

Para isto, destaca unha partida de 5,8 M€ para culminar as actuacións programadas nos Camiños Francés, Inglés e Portugués, cuxas obras máis importantes están en execución ou licitadas.

A Consellería de Infraestruturas está a participar activamente na preparación do vindeiro Ano Santo con outros proxectos como a mellora da seguridade viaria onde os Camiños discorren próximos ás estradas autonómicas ou coa posta en marcha do Xacobús, pensando na mobilidade dos peregrinos do Camiño Francés, o máis concorrido.

Seguridade viariaNa súa intervención, a conselleira abordou tamén outra materia que cada ano se blinda nas contas autonómicas como prioritaria: a seguridade viaria, que continuará a incrementarse nas estradas con partidas de arredor de 87 millóns de euros.

Anunciou que estas contías irán dirixidas á continuación do desenvolvemento do Plan de Reforzos de firme, ás actuacións de conservación extraordinaria e ao remate da eliminación dos treitos de concentración de accidentes nas estradas da Xunta.

Ademais do mantemento das infraestruturas viarias, o Goberno galego completará o mapa de estradas de Galicia coa Vía Ártabra ou a conexión do polígono de San Cibrao das Viñas coa A-52, a estrada que conta cun maior orzamento en 2020 con 7,5 M€ para o seu remate.

Apuntou outras partidas para avanzar na autovía cara á Estrada, no desdobramento da VAP Brión-Noia, na conversión en autovía da VAP Nadela- Sarria, no inicio das obras de treito A Pobra de San Xiao-Sarria Centro ou na licitación do primeiro treito da VAP Tui-A Guarda.

Engadiu outras obras localmente máis importantes como melloras nas estradas de Ferrolterra, Ponte Caldelas, Folgoso, Palas-Friol ou partidas para infraestruturas como a Ronda Leste de Lugo, o Plan Paradai ou a Variante de Alba, se se acada consenso social.

Destacou que a Axencia Galega de Infraestruturas suma ás estradas a execución de 40 millóns de euros en concepto de mellora de servizos sanitarios, con actuacións no Hospital de Ferrol, en Montecelo, o Centro Integral de Saúde en Lugo, ou os centros de saúde en Narón, Melide ou Bouzas.

Xestión do ciclo integral da augaAs actuacións hidráulicas tamén darán un salto na comunidade ao incrementar Augas de Galicia o orzamento nun 10%, superando os 100 M€. A conselleira precisou que as liñas de acción deste departamento radicarán na axuda aos concellos para xestionar eficazmente a auga, culminar o saneamento integral das rías e afrontar os retos do cambio climático.

Destacou a achega de máis de 70 M€ de axuda directa ás competencias municipais, un 35% máis do recadado polo canon da auga, co fin de apoiar aos concellos nas súas competencias de abastecemento, saneamento e depuración.

Concretou que se continuará axudando aos municipios mediante un 5% máis nas partidas para a explotación e mantemento de 29 depuradoras e o investimento de máis de 50 M€ para obras de apoio nestas responsabilidadesPara acadar o saneamento integral das rías, o Goberno galego avanzará nas obras de saneamento da Malata en Ferrol ou de Rianxo e comezará outras como a mellora da EDAR de Praceres e o emisario submarino, a EDAR de Viveiro ou a de Vilagarcía.

No marco lexislativo, a Xunta está a impulsar a Lei de medidas de garantía do abastecemento en episodios de seca e en situacións de risco sanitario, que se está a tramitar neste Parlamento.

Tamén se referiu á creación dun novo ente de xestión da auga para ofrecerlles aos concellos colaboración para que teñan unha explotación profesional dos seus servizos hidráulicos, abaraten custos e garantan a calidade das prestacións.

En aras de consolidar unha Galicia máis verde, os Orzamentos de 2020 dedican 13,7 M€ a a manter o bo estado dos ríos de Galicia-Costa a través de campañas de conservación fluvial, plantación de bosque de Ribeira como no Umia ou plans de xestión en áreas de risco potencial significativo de inundacións.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre