Inicio Galicia A Xunta doa 50 cordeiros ao banco de alimentos de Lugo ao...

A Xunta doa 50 cordeiros ao banco de alimentos de Lugo ao abeiro da Rede Mercaproximidade

0
image_gallery.jpg

Esta semana cederanse en total 150 cordeiros, dos que tamén se beneficiarán Cáritas e os Bancos de Alimentos da Coruña, Santiago, Ourense e Pontevedra


O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, acudiu esta mañá á entrega de 50 cordeiros ao Banco de Alimentos de Lugo, acompañado do delegado territorial da Xunta, Javier Arias. Así, o Goberno galego continúa coas doazóns impulsadas ao abeiro de Mercaproximidade, a canle alternativa de comercialización creada durante o estado de alarma para dar saída aos produtos agroalimentarios galegos que viron reducidas as súas vendas por mor da covid-19.

Ao longo desta semana, a Consellería do Medio Rural cederá en total 150 cordeiros a través de Mercaproximidade. Ademais de ao Banco de Alimentos de Lugo, entregaránselles a Cáritas, así como aos Bancos de Alimentos da Coruña, Santiago, Ourense e Pontevedra.

Esta nova compra de alimentos con fins sociais no marco de Mercaproximidade engádese ás numerosas feitas nos últimos meses polo Goberno galego, como a destinada ao Banco de Alimentos de Lugo dende onde se distribuíu un total de 100 toneladas de patacas nas sedes de Cáritas de toda España. A esta cantidade hai que engadir outras 30 toneladas cedidas por un produtor da Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia (Adegal).

A Xunta tamén doou diversos produtos agroalimentarios como queixos, mel, carne de Ternera Gallega ou de porco celta a outras entidades sociais, para atender os colectivos máis desfavorecidos durante a emerxencia sanitaria. Así mesmo, entregou alimentos aos hospitais galegos, para que puidesen confeccionar os seus menús con producións de proximidade e de calidade diferenciada.

Cómpre lembrar que, dende a súa creación o 15 de abril, máis de 450 industrias transformadoras e produtores adheríronse como provedores a Mercaproximidade. Da banda da distribución, colaboran a práctica totalidade das cadeas que operan en Galicia: Gadis, Froiz, Vegalsa-Eroski -cos seus establecementos Eroski e Familia-, El Corte Inglés -cos establecementos Hipercor e Supercor-, Carrefour -cos seus centros Carrefour e Carrefour Market-, Grupo Cuevas -cos seus supermercados Plenus, Aquié e Aquí-, Lidl, Alcampo, Coviran e DIA.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre