Inicio Galicia A Xunta distribúe material específico con recomendacións preventivas ante a apertura do...

A Xunta distribúe material específico con recomendacións preventivas ante a apertura do comercio

0

O sector conta desde onte con toda a documentación elaborada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga)

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), elaborou e distribuíu aos sectores produtivos material específico con recomendacións para a prevención ante o coronavirus no comercio debido a súa reapertura a partir de hoxe, con cita previa, en establecementos de menos de 400 metros cadrados.

A documentación, consensuada nos últimos días co sector e enviada onte mesmo, recolle medidas a ter en conta antes de ir traballar, como identificar ás persoas sensibles, non acudir en caso de febre ou síntomas respiratorios ou facer desprazamentos, preferentemente de xeito individual. Tamén se incide na distancia de seguridade que deberá ser de dous metros entre clientes, produtos e persoal, adoptar medidas de barreira nas zonas de atención ao público e controlar o aforo mediante cita previa, organizando a entrada por quendas e indicando un horario de atención preferente a maiores de 65 anos.

En canto á hixiene e limpeza faise fincapé no lavado frecuente de mans, evitar tocar nariz, ollos e boca, cubrir as vías respiratorias cun pano desbotable ao tusir ou esbirrar, así como limpar e desinfectar espazos frecuentemente (mostradores, pomos, probadores…), ventilar frecuentemente, protexer o produto para evitar a súa contaminación pola exposición e manipulación e uso de máscara hixiénica ou cirúrxica durante a estancia no comercio.

Tamén se recollen medidas organizativas como a sinalización no chan das distancias e camiños, valorar a necesidade de apertura de probadores e en caso de facelo reforzar a limpeza e desinfección, e fomentar o pago por medios electrónicos así como o comercio online. O Goberno galego insiste tamén na importancia de adquirir material recomendado polas autoridades sanitarias, entre o que non se atopa o ozono.

Dentro da campaña de divulgación e información de comercio seguro, enviaranse elementos informativos para colocar nos mostradores de todos os establecementos que levarán recomendacións da Xunta, así como unha campaña en redes sociais, baixo o lema #SeguimosAdiante.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre