Inicio Galicia A Xunta distingue as carreiras exemplares en diferentes ámbitos de cinco galegas...

A Xunta distingue as carreiras exemplares en diferentes ámbitos de cinco galegas e galegos na primeira edición dos premios Talento Mozo

0

O certame recoñece as traxectorias de éxito do científico Christian Vidal Vides, da especialista en cunicultura Paula Rodríguez Villamayor, da atleta Ana Peleteiro Brión, do empresario Jorge López Rodríguez e da comisionada e xestora cultural Sara Donoso Calvo


A primeira edición dos premios Talento Mozo convocados pola Xunta de Galicia para recoñecer as traxectorias e proxectos impulsados por xente nova xa teñen gañadoras e gañadores. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o nome dos distinguidos nas cinco modalidades do certame: Ciencia, Rural, Deporte, Empresa, e Cultura e Creación, cada unha delas cunha dotación económica de 5000 euros.

Na disciplina de Ciencia, o galardoado é o químico Christian Vidal Vides, asturiano afincado en Santiago de Compostela desde hai anos. Ten 30 anos e na actualidade traballa no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS) da Universidade de Santiago (USC). Tamén forma parte do programa de bolseiros Juan de la Cierva e do European Research Council. Destacan as súas achegas nos campos da química sintética e da química organometálica, así como pola súa gran habilidade en cálculos teóricos e de análise de raios X. Na categoría de Rural a premiada é a estradense Paula Rodríguez Villamayor, de 25 anos, pola súa contribución a converter o medio rural nun espazo de oportunidades e de dinamización económica grazas aos seus coñecementos no eido da cunicultura. Na actualidade desempeña o seu traballo como investigadora na Facultade de Veterinaria do campus de Lugo.

Na modalidade de Deporte a gañadora é a atleta Ana Peleteiro Brión, ribeirense de 24 anos que constitúe todo un exemplo de carreira deportiva de éxito e superación. Así o acreditan a súa traxectoria, as múltiples distinción recibidas e o seu palmarés tanto nacional como internacional.

No apartado de Empresa, o premio Talento Mozo recae no pontevedrés de 29 anos Jorge López Rodríguez, que ten unha empresa de sneakers veganas na cidade do Lérez chamada Beflamboyant que é un exemplo de éxito no ámbito do emprendemento e xeración de emprego. Este galardón recoñece o grao de innovación, orixinalidade e o potencial de crecemento do seu negocio e, polo tanto, de producir melloras no tecido produtivo galego e na creación de emprego.

E, por último, no epígrafe de Cultura e Creación, a premiada é Sara Donoso Calvo, graduada en Belas Artes e doutora en Historia da Arte. Natural de Redondela, de 30 anos, destaca polos proxectos que desenvolve en múltiples áreas de traballo en ámbitos como a divulgación, a xestión cultural, a crítica ou o comisariado, entre outros. Esta distinción recoñece a importancia que teñen perfís profesionais como o de Sara Donoso no ecosistema da cultura contemporánea, pola súa capacidade para trazar pontes e xerar espazos para a creación.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre