Inicio Galicia A Xunta difunde entre a mocidade o valor medioambiental de Pereiro de...

A Xunta difunde entre a mocidade o valor medioambiental de Pereiro de Aguiar e Vilariño de Conso con dous campos de voluntariado

0

Mozas e mozos entre os 18 e os 30 anos participan nestas actividades que poñen en valor o patrimonio e a contorna destes concellos

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou esta mañá ao grupo de mozas e mozos que participan nos campos de voluntariado centrados no turismo sostible e medioambiental, que se están a desenvolver nos municipios ourensáns de Pereiro de Aguiar e Vilariño de Conso.

Ambos campos comezaron a finais de xullo e rematarán nos vindeiros días, logo de 12 de días de actividades. No campo de voluntariado O Pereiro as mozas e mozos participantes, con idades comprendidas entre os 18 e os 30, realizan diferentes iniciativas para poñer en valor a contorna a través de deseño de roteiros, inventarios de biodiversidade e fauna e coa elaboración de material audiovisual sobre os recursos etnográficos do Pereiro de Aguiar.

Ademais, os participantes tamén desfrutan dun amplo programa de actividades de ocio complementarias, que inclúe xogos de rol, charlas de carácter social, obradoiros medioambientais e de reciclaxe, así como actividades pola cidade de Ourense.‘Glaciar do Cenza’ en Vilariño de ConsoPola súa banda, os participantes no campo de voluntariado Glaciar do Cenza, en Vilariño de Conso, tamén realizarán labores encamiñadas á conservación do medio, difusión e posta en valor dos recursos etnográficos e patrimoniais que existen neste concello. Desta maneira, realizan tarefas de limpeza, acondicionamento de rutas de sendeirismo e sinalización de sendeiros, entre outros.

Así mesmo, desde que comezou o campo de voluntariado tamén realizaron outras actividades de ocio como obradoiros de elaboración de pan e tratamento de coiro, xornadas en piragua e bicicleta e excursións ao Parque do Invernadoiro e ao museo Etnográfico de Vilariño de Conso.

Campaña de veránA Consellería de Política Social oferta neste verán 348 prazas nun total de 29 campos de voluntariado (incluíndo as tres quendas de Cíes) para maiores de 18 anos por todo o territorio galego. Todas as actividades desta campaña seguen as medidas de prevención fronte ao covid-19 fixadas polas autoridades sanitarias co fin de garantir a seguridade de todas as persoas participantes.

En total, a Campaña de Verán deste ano, que leva por título O verán que necesitas, pon á disposición da mocidade 6872 prazas en diferentes actividades e campamentos, que se prolongarán ata comezos do mes de setembro.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre