Inicio Galicia A Xunta difunde en Ferrol as oportunidades que abren os materiais innovadores...

A Xunta difunde en Ferrol as oportunidades que abren os materiais innovadores para o envasado sustentable de alimentos

0

A Consellería de Economía, Emprego e Industria organiza un novo workshop do Programa de Deseño para a Innovación 2020 o próximo 14 de novembro no CIS

A Consellería de Economía, Emprego e Industria celebra o vindeiro xoves 14 de novembro no CIS Tecnoloxía e Deseño (Ferrol) unha nova xornada de traballo no marco do Programa de Deseño para a Innovación 2020. O workshop “Novos materiais para packaging sustentable” ten por obxectivo difundir entre as empresas e os profesionais do deseño galegos as oportunidades que abren os materiais innovadores para o envasado de alimentos coa menor pegada ambiental posible.

A Axencia Galega de Innovación celebra esta xornada nas instalacións da Materioteca de Galicia, que está a piques de cumprir os seus primeiros seis meses de traxectoria coa perspectiva de consolidar e ampliar as súas actividades como instalación de referencia dos materiais innovadores para as empresas e profesionais do deseño galegos. O workshop está aberto á libre inscrición para profesionais do deseño, persoal investigador do campo dos novos materiais, estudantes e empresas.

Reducir a pegada ambientalO desenvolvemento de novos materiais está a abrir alternativas para o envasado sustentable de alimentos, contribuíndo así á redución da súa pegada ambiental. Este workshop ten por obxectivo facilitar a súa transferencia á industria a través do traballo dos profesionais do deseño, con dúas opcións de participación. A primeira delas, de aforo limitado a 50 persoas, combina unha sesión de presentación e un taller práctico que se estenderá ata media tarde. A segunda, sen límite de participantes, permite asistir á sesión de presentación durante a mañá.

Durante a primeira parte da xornada, ademais dos servizos que se prestan a través da Materioteca de Galicia, serán expostos os novos retos e tendencias de innovación no envasado de alimentos, ámbito sobre o que tamén se presentarán as últimas solucións sustentables. Os desafíos do sector do comercio, a normativa internacional sobre sustentabilidade no envasado e as posibilidades que ofrecen os novos materiais creados en Galicia para o packaging completan a sesión expositiva. Participan como relatores representantes do centro tecnolóxico ANFACO-CECOPESCA, das empresas Sigillum, Ecoplas e Papelera de Brandía e da Xunta de Galicia.

O workshop completarase cun taller práctico no que os participantes traballarán en grupo para xerar novas ideas e resolver retos baseados no uso de materiais innovadores para packaging sustentable. Será impartido por Material ConneXion Bilbao, o maior centro internacional especializado en materiais innovadores e procesos de transformación.

En paralelo ao taller, os asistentes poderán participar previa solicitude en reunións bilaterais co fin de facilitar a transferencia e buscar posibles sinerxías ou colaboracións entre empresas, profesionais do deseño e grupos de investigación.

Este workshop celébrase no marco do Programa de Deseño para a Innovación 2020 da Xunta de Galicia, que busca abrir canles de contacto produtivas entre os profesionais do deseño e as empresas galegas, difundir casos de éxito e boas prácticas e ofrecer ferramentas prácticas de xestión dos elementos clave necesarios para que o deseño se convirta nun factor de competitividade para o tecido industrial de Galicia. Esta iniciativa está aliñada cos obxectivos dos dous proxectos europeos deste ámbito nos que participa GAIN: o Design4Innovation e o User-Factor, iniciativas de Interreg Europe e Interreg Atlantic Area orientadas a crear estratexias rexionais de deseño e garantir a súa implantación nas pemes.

Programa e inscrición en:http://gain.xunta.gal/eventos/288/workshop+novos+materiais+packaging+sustentable.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre