Inicio Galicia A Xunta di non a todas as formas de violencia de xénero...

A Xunta di non a todas as formas de violencia de xénero coa campaña do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

0

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presentou hoxe en rolda de prensa as accións desta iniciativa


A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presentou hoxe en rolda de prensa a campaña institucional da Xunta, con motivo da conmemoración, o próximo 25 de novembro, do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Esta edición dá continuidade ao lema do ano pasado “Fronte á violencia de xénero só cabe unha resposta. Sen ningún xénero de dúbida. NON” para incidir nesa mensaxe.

Con este lema, a Xunta quere dicirlle NON a todas as formas de violencia recollidas na Lei 11/2017, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia xénero, é dicir, a violencia física, psicolóxica, económica e sexual, así como os abusos sexuais, o acoso sexual e a trata de mulleres e nenas con fins de explotación. A campaña tamén di non ao maltrato, ao maltratador e ao machismo.

Os anuncios publicitarios sobre a campaña emitiranse a partir do luns en 72 pases na Televisión de Galicia e nunhas 400 cuñas nas emisoras de radio galegas. Tamén se publicarán 24 anuncios nos xornais da comunidade e máis de seis millóns de banners en internet. A iniciativa estará moi presente nas redes sociais e nos eventos deportivos, xa que a maioría dos clubes de Galicia están implicados na loita contra esta lacra. Ademais, difundirase por toda a xeografía galega a través dun cento de valos e con case 50.000 carteis que se distribuirán en comercios, concellos, empresas e centros educativos e sanitarios.

A campaña rematará o domingo 24 de novembro coa sétima edición da andaina “Camiño ao respecto”, que sairá do Monte do Gozo ás 11.00 horas para chegar á Praza do Obradoiro sobre as 12.30 horas.

López Abella lembrou que para o Goberno galego os 365 días do ano son 25 de novembro e, por iso, este ano se puxeron en marcha iniciativas específicas dirixidas á mocidade, para que interiorice a igualdade como un valor esencial na convivencia entre mulleres e homes; e ás mulleres que viven no rural garantíndolles a información sobre os recursos e servizos á súa disposición.

O Goberno galego cumpre así co eixo do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero destinado a fomentar a sensibilización da sociedade sobre as consecuencias da violencia contra as mulleres para as vítimas e os seus fillos e fillas.

A Secretaría Xeral da Igualdade tamén continuou este ano coa campaña “Agresión Off: Eu digo non á violencia sexual” nos 12 festivais de música acollidos á marca FestGalicia e con stands nas festas de 26 concellos galegos.

Ademais, os 208 concellos e mancomunidades adheridos á Rede de entidades locais contra a violencia de xénero teñen a opción de participar en cursos de defensa persoal e autocapacidades para previr situacións de violencia contra as mulleres, xunto con outras actividades a favor da igualdade como exposicións e iniciativas de concienciación, obradoiros educativos ou programas de asesoramento e terapia familias con nenos e nenas que teñan sufrido a violencia de xénero. Este ano beneficiáronse destas actuacións 134 concellos, aos que se suman os 60 que organizaron cursos de autoprotección.

Ampliación liña axudas económicasO Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se amplía a dotación orzamentaria da resolución do 2 de xaneiro de 2019 pola que se convoca para o ano 2019 a prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero prevista no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, modificada pola Lei 12/2016, do 22 de xullo.

Dado o volume de solicitudes presentadas desta axuda e que non poden ser atendidas polo esgotamento do crédito asignado, así como as necesidades das posibles beneficiarias, resulta necesario incrementar a dotación orzamentaria destinada a estas axuda. Polo que se amplía a dotación en preto de 145.000 euros. Esta modificación non afecta o prazo establecido na referida resolución para a presentación de solicitudes. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre