Inicio Galicia A Xunta destinou máis de 260 millóns de euros a apoiar ao...

A Xunta destinou máis de 260 millóns de euros a apoiar ao sector conserveiro entre 2009 e 2015 e investirá 96 millóns máis ata 2020

0

A Consellería do Mar reafirma a súa aposta polo futuro da industria transformadora dos produtos do mar para que consolide o seu liderado mundial e mellore o valor engadido e a venda dos seus produtos

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe que Galicia debe seguir apostando polo futuro da industria transformadora dos produtos do mar e adiantou que o Executivo galego seguirá a promover medidas de apoio ao sector para que consolide o seu liderado mundial como o maior e máis eficiente produtor mundial, mellore a venda dos seus produtos e aumente o seu valor engadido. Neste sentido, a Xunta xa puxo a disposición da industria transformadora máis de 260 millóns de euros entre 2009 e 2015, cos que se desenvolveron 255 proxectos, e para o período 2016-2020 dispón doutros 96 millóns, que xa permitiron sacar adiante 130 proxectos.

A representante do Executivo galego ofreceu datos da importancia deste sector durante a presentación da IX Conferencia Mundial do Atún, organizada pola patronal conserveira Anfaco-Cecopesca que se celebrará os próximos 16 e 17 de setembro en Vigo. Rosa Quintana destacou na súa intervención a importancia da industria transformadora dos produtos do mar en Galicia, “que aporta o 6,5% do emprego industrial, o 3% do produto interior bruto” e concentra o 82% dos postos de traballo directos creados no sector, 12.400 dun total de 15.500. A isto súmanse os récords de produción, con máis de 300.000 toneladas, e exportador logrados polas empresas conserveiras e pesqueiras en 2018 tras varios anos mellorando as súas cifras.

Por iso, a titular de Mar insistiu no compromiso da Xunta co crecemento deste sector, que ten entre os seus retos avanzar na súa internacionalización, co acceso a novos mercados exteriores, e mellorar as súas vendas. Nesta liña, a Administración galega seguirá a investir nos próximos anos en distintas accións para fomentar o consumo de produtos do mar con campañas para a súa promoción e valorización.

Dentro destes investimentos, o Executivo galego dispón dunha liña de axudas ás pemes de 24 millóns de euros para a transformación e a comercialización dos produtos do mar e outros nove millóns para dar maior visibilidade internacional ao produto mediante o apoio a máis de 150 empresas ao ano nas feiras alimentarias de primeiro nivel.

A través desta aposta orzamentaria e do traballo da man do sector, a representante da Xunta confiou en que as empresas asociadas a Anfaco-Cecopesca logren consolidar a súa fortaleza e sigan medrando nos próximos anos. “Os retos actuais perseguen un único obxectivo: ser a mellor industria e ser máis Galicia”, concluíu Rosa Quintana.‘IX Conferencia Mundial do Atún’A conferencia mundial do atún é un encontro que se celebra cada dous anos e que converte neses días a Vigo na capital mundial do sector atuneiro, conserveiro e transformador dos produtos do mar así como das súas industrias auxiliares. A ela adoitan acudir máis de 300 directivos das principais empresas atuneiras dos cinco continentes, que concentran máis do 90% da produción mundial.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre