Inicio Galicia A Xunta destina preto de 385.000 euros a adegas do Condado para...

A Xunta destina preto de 385.000 euros a adegas do Condado para a elaboración de produtos vitivinícolas e a súa promoción no exterior

0

O delegado territorial, José Manuel Cores Tourís, visitou a firma Eidosela que recibiu un total de 56.076 euros para estes fins


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá a adega Eidosela de Arbo que recibiu o ano pasado un total de 56.076 euros a través de dous liñas de axudas da Consellería de Medio Rural co obxectivo de comercializar e promocionar os seus caldos no exterior.

Na visita, o delegado territorial estivo acompañado do presidente da adega, Lázaro Gándaro, e responsables da mesma, así como do alcalde da localidade, Horacio Gil.

Na actualidade, Eidosela conta con 61 socios e cunha superficie de terra de 57 hectáreas. A nivel de recursos humanos, esta cooperativa conta con 7 empregados durante todo o ano aos que se lle suman 10 persoas máis na época de vendima. Cores Tourís quixo destacar a importancia deste sector para a economía de Galicia e en concreto para a provincia de Pontevedra, así como o importante número de postos de traballo que xera, non só nas adegas e cooperativas, senón tamén polos distintos viticultores.

Eidosela conta cunha produción enfocada non só ao mercado nacional senón tamén internacional, con exportacións a Estados Unidos, U.

K., Países Baixos, Polonia, Australia, China, Xapón. “Destinamos xa o 50% da nosa produción a mercados internacionais porque cremos na diversificación como un factor esencial para obter un bo rendemento económico”, explicaba Lázaro Gándara, Presidente da Cooperativa, quen engadiu que na actualidade, un dos seus obxectivos é investir na adquisición da maquinaria necesaria para facer todo o proceso completo do viño espumoso na súa propia adega.

En total, 37 empresas vitivinícolas da provincia de Pontevedra, así como a C.

R.

D.

O. Rías Baixas, obtiveron un total de 3,2 millóns de euros para a posta en marcha de investimentos para a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas así como para a execución de medidas de promoción do sector vitivinícola en mercados de terceiros países.

Na comarca do Condado e A Paradanta, oito firmas (Eidosela, La Val, Veiga da Princesa, Pondal, As Laxas, Fillaboa, Adegas Galegas, Viñas e Vilarvín), recibiron dende a administración autonómica preto de 385.000 euros con estes dous fins.

A primeira destas liñas ten como obxectivo axudar ás empresas vitivinícolas na execución de medidas de investimentos deste sector dentro do programa de apoio 2019-23, e, en concreto, permitirá aos beneficiarios poder levar a cabo operacións relativas a investimentos tanxibles ou intanxibles que axuden a fomentar a sustentabilidade integral das industrias, a fomentar os procesos sustentables dende o punto de vista ambiental a través do aforro de enerxía e do tratamento dos residuos, así como a conseguir certificacións ambientais e potenciar a produción ecolóxica. Tamén se poderán desenvolver iniciativas como a construción, adquisición ou mellora de bens inmobles, compra de maquinaria e equipamentos, compra de ordenadores e adquisición de patentes e a execución de estudos de viabilidade.

Por outra banda, no caso da segunda das liñas de axudas, teñen como obxectivo a realización de distintas accións e actividades de promoción dos viños galegos en terceiros países. Deste xeito, son subvencionables as misións comerciais e as campañas publicitarias en diversos medios que permitan destacar as vantaxes deste produto en canto a calidade, seguridade alimentaria e respecto ao medio ambiente; a participación en feiras e exposicións; os encontros empresariais, xornadas, seminarios, así como os estudos de mercados e de avaliación de resultados das medidas de promoción.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre