Inicio Galicia A Xunta destina máis de 500.000 euros a programas de voluntariado xuvenil...

A Xunta destina máis de 500.000 euros a programas de voluntariado xuvenil e sénior a través de tres ordes de axudas

0

Daráselles prioridade a aqueles proxectos dirixidos á concienciación sobre a igualdade de xénero, a recuperación cultural ou a posta en valor do medio rural


A Xunta de Galicia destina máis de 500.000 euros a financiar tres ordes de axudas para impulsar programas de voluntariado sénior e xuvenil, así como para fomentar o voluntariado en xeral nas entidades de acción voluntaria. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as bases reguladoras e a convocatoria destas tres subvencións dirixidas a entidades de acción voluntaria, así como a entidades locais inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia que desenvolvan as actividades durante este ano 2020.

Unha destas liñas de axudas terá como beneficiarias aquelas entidades de acción voluntaria de carácter privado de Galicia que realicen proxectos de voluntariado no período do 1 de xaneiro ata o 31 de outubro e que se orienten á sensibilización, formación e coordinación en materia de acción voluntaria. O importe destas axudas será de 145.415 euros.

A segunda destas subvencións irá destinada a entidades de acción voluntaria e locais enmarcadas no programa Voluntariado Sénior. Os proxectos deberanse desenvolver tamén desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro deste ano e os usuarios deberán ser persoas maiores de 55 anos. As temáticas que ocuparán un carácter prioritario, aínda que non exclusivo, serán as relacionadas coa igualdade de xénero, a recuperación da cultura, o arte e a tradición galega, o Camiño de Santiago e o Xacobeo 2021, , así como aquelas orientadas á innovación e investigación en relación co benestar das persoas maiores. O importe total destas axudas será de 100.000 euros.

Cómpre destacar que o programa Voluntariado Sénior púxose en marcha por primeira vez no ano 2019. Ao abeiro del desenvolvéronse un total de 37 proxectos, nos que participaron máis de 260 persoas maiores de 55 anos. A través deste programa búscase contribuír ao envellecemento activo e aproveitar todos os coñecementos de vida e a experiencia dos galegos e galegas de máis idade.

Por último, o DOG publica unha terceira orde dirixida a entidades de acción voluntaria e locais enmarcadas no Programa servizo de voluntariado xuvenil. Estes programas irán dirixidos a persoas de entre 16 e 30 anos que se desenvolvan entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro deste ano e terán como temáticas prioritarias as relacionadas coa igualdade de xénero, a posta en valor do medio rural ou o benestar das persoas maiores. O importe destas axudas será de 255.000 euros.

Máis de 9000 participantes en accións de voluntariadoCómpre destacar que Galicia consolida a súa aposta polo voluntariado. Máis de 9000 persoas participaron activamente nas accións postas en marcha pola Xunta en 2019, un 11% máis con respecto ao exercicio pasado. Ademais, na actualidade hai máis de 1000 entidades inscritas no Rexistro autonómico de acción voluntaria. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre