Inicio Galicia A Xunta destina máis de 380.000 euros a melloras de eficiencia enerxética...

A Xunta destina máis de 380.000 euros a melloras de eficiencia enerxética nos xulgados de Ourense

0

O vicepresidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, visitou esta mañá as obras que se están a levar a cabo na sede xudicial

O vicepresidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, destacou hoxe o compromiso do Goberno galego pola renovación das sedes xudiciais da comunidade para mellorar as condicións de traballo dos seus empregados e a calidade de atención aos cidadáns que recorren a estes servizos. Así o sinalou hoxe na súa visita aos xulgados de Ourense, nos que se están a levar a cabo actuacións de mellora de eficiencia enerxética do edificio nas que a Xunta investiu máis de 380.000 euros. Á visita tamén asistiu o director xeral de Xustiza, Juan José Martín. Alfonso Rueda comprobou os traballos xa rematados da apertura de 87 ventás para acadar unha ventilación natural de todas as oficinas xudiciais do inmoble. Ademais, para o próximo mes está prevista a finalización da obra coa substitución do alumeado por novos equipos de tecnoloxía LED máis eficientes e que inclúen sistema de control por luminosidade e presenza. O vicepresidente da Xunta en funcións incidiu na necesidade da posta en marcha de novas tecnoloxías que contribúan a obter aforros económicos e de enerxía, que neste caso superan o 20%. En concreto reduciranse en 147.000 quilovatios o consumo anual e as emisións de CO2 en 52 toneladas e acadarase un aforro de arredor de 15.000 euros no custe da electricidade. Destacou ademais que con estas melloras “queda completado o acondicionamento deste edificio xudicial que permitiu gañar espazo e evitar a dispersión dos órganos xudiciais da cidade”. O Goberno galego ten en marcha un Plan de Infraestruturas Xudiciais que inclúe grandes obras, e tamén actuacións específicas de mellora da eficiencia enerxética ou obras menores. O desenvolvemento deste Plan, segundo explicou Alfonso Rueda, “permite incrementar a superficie das unidades xudiciais resolvendo os problemas de espazo para os próximos anos”, como ocorreu con este edificio xudicial de Ourense. A Administración autonómica leva investidos neste inmoble desde a súa posta en marcha en 2015 outros 100.000 euros en melloras de accesibilidade e seguridade ou na habilitación de novos espazos como a sala Gesell para que testemuñas menores de idade e persoas especialmente vulnerables como as vítimas de violencia de xénero poidan declarar en condicións de protección e privacidade. Por outra parte, a Xunta tamén traballa na renovación das dependencias do Goberno galego na cidade, cunha dotación de 485.000 euros para mellorar a eficiencia enerxética do edificio administrativo, así como o acondicionamento do salón de actos e a mellora da oficina de rexistro. Os traballos enmárcanse no Plan de Mellora nos edificios administrativos da Xunta que avoga ademais pola recuperación de edificios emblemáticos do patrimonio histórico e de inmobles situados en núcleos de poboación, o que contribúe a mellorar os espazos urbanos. A través deste Plan lévanse a cabo actuacións que permiten reducir o consumo de enerxía e dotar aos profesionais e cidadáns de mellores medios materiais ao seu servizo.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre