Inicio Galicia A Xunta destina máis de 2,1 millóns de euros ás accións formativas...

A Xunta destina máis de 2,1 millóns de euros ás accións formativas para desempregados que se desenvolverán na provincia de Ourense coa participación de preto de 2.300 persoas

0

A achega económica permite a celebración de 153 cursos que levan aparellados certificados de profesionalidade

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, destinará este ano para a provincia de Ourense máis de 2,1 millóns de euros a accións formativas para desempregados (AFD) que se impartirán en empresas, concellos ou entidades sen ánimo de lucro e que teñen como obxectivo a inserción e reinserción laboral das traballadoras e traballadores desempregados.

En total, na provincia de Ourense este ano ofertaranse 153 cursos que levan aparellados certificados de profesionalidade dos que se beneficiarán 2.300 persoas desempregadas.

Destes cursos, oito foron concedidos á Confederación Empresarial de Ourense (CEO) cun investimento de máis de 320.000 euros. A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, achegouse hoxe a dependencias desta entidade para comprobar o desenvolvemento dos cursos AFD que se están a impartir na actualidade nas especialidades de organización e xestión de almacéns, xestión de márketing e comunicación, comunicación en lingua castelá, e actividades administrativas na relación cliente.

Concretamente Díaz Mouteira, acompañada da presidenta da patronal ourensá, Marisol Nóvoa, e o secretario xeral da CEO, Jaime Pereira, visitou a aula que acolle as clases deste último curso, que cunha duración de 800 horas capacitará a 14 persoas desempregadas en técnicas de recepción e apoio á xestión administrativa co cliente, empregando medios informáticos e telemáticos, amais de procedementos internos e a normativa vixente. Está previsto que remate a finais do vindeiro mes de setembro.

E hoxe mesmo, en horario de tarde, na CEO comezará outra formación formativa concedida pola Xunta dedicada á creación de aplicacións con tecnoloxías web, de 590 horas de duración. O curso ten como obxectivo formar ao alumnado, ao longo 6 meses que vai durar, para que sexa capaz de desenvolver documentos e compoñentes software que constitúan aplicacións informáticas en contornas distribuídas utilizando tecnoloxías web, partindo dun deseño técnico xa elaborado, realizando, ademais, a verificación, documentación e implantación dos mesmos.

Díaz Mouteira incidiu na importancia da formación de cara á mellora da empregabilidade. Neste senso, subliñou a aposta da Xunta pola organización de programas formativos co obxectivo de facilitar o acceso ao mercado laboral ás persoas desempregadas.

A Xunta de Galicia outorga ao alumnado que participa nestas accións formativas o certificado de profesionalidade válido en toda España. A formación abrangue especialidades tan variadas como programación de sistemas informáticos, atención sociosanitaria, actividades de xestión administrativa, soldadura de oxigás e soldadura MIG/MAG, fabricación de elementos aeroespaciais ou, como o curso que hoxe visitou a delegada territorial, desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxías web.

Esta iniciativa, que se enmarca na Axenda 20 para o Emprego, ten como obxectivo de seguir incrementando a ocupabilidade das persoas sen traballo, facilitándolles, polo tanto, o seu acceso ao mercado laboral, ao tempo que se dota a Galicia dun capital humano máis formado de acordo ás necesidades reais das empresas.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre