Inicio Galicia A Xunta destina máis de 146.300 euros para a contratación de 6...

A Xunta destina máis de 146.300 euros para a contratación de 6 orientadores laborais en concellos do Salnés

0

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís destacou que a contía máxima da axuda, con carácter xeral, foi de 25.000 euros por cada persoa técnica de orientación laboral contratada a tempo completo durante un ano

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra destacou esta mañá os máis de 146.300 euros que a Consellería de Economía, Emprego e Industria destinará á contratación ou renovación de 6 orientadores laborais por parte de concellos do Salnés.

Deste xeito, beneficiaranse os concellos de Cambados, Vilanova de Arousa, Sanxenxo, O Grove e Vilagarcía de Arousa, que, como o ano anterior, contarán cun técnico dada un. Este ano, súmase por primeira vez a estas axudas o concello de Ribadumia, que tamén contará cun orientador laboral.

En total, na provincia de Pontevedra 18 concellos beneficiaranse dunha axuda global de 466.473 euros a través da cal serán contratados 19 orientadores laborais.

A contía máxima da subvención que se concedeu con carácter xeral foi de 25.000 euros por cada persoa técnica de orientación laboral contratada a tempo completo durante un período de 12 meses, tomando como referencia os custos de contratación totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social.

Tal e como explicou Cores Tourís, os orientadores laborais son os técnicos que realizan accións de orientación profesional para emprego e o autoemprego, dirixidas a mellorar as posibilidades de ocupación das persoas. Con esta iniciativa, a Consellería de Economía, Emprego e Industria garante o mantemento deste servizo destinado a mellorar as posibilidades de ocupación dos demandantes de emprego inscritos no Servizo Público de Galicia. Trátase dun instrumento para promover a configuración dunha rede especializada de técnicos encargados da mellora da empregabilidade e ocupabilidade das persoas desempregadas.

Estes profesionais encárganse, entre outras funcións, de elaborar diagnoses individualizadas sobre o perfil e necesidades dos desempregados; proporcionar información sobre o mercado de traballo e os distintos incentivos; deseñar itinerarios individuais e personalizados de emprego; contactar con empresas para difundir as súas iniciativas e realizar unha prospección das necesidades das empresas; ou informar sobre a oferta de accións de formación profesional ou o proceso de recoñecemento das competencias adquiridas.

Co financiamento destas accións en materia de orientación, a Consellería busca facilitar a inserción e reincorporación laboral dos desempregados, ademais de favorecer a súa mobilidade profesional no mercado de traballo e dar apoio para que os destinatarios tomen as decisións máis axeitadas respecto das súas necesidades formativas. De feito é unha das medidas incluídas nas políticas activas de emprego deste departamento.

Tamén se procura mellorar a empregabilidade dos traballadores e desenvolver o espírito emprendedor e as iniciativas de autoemprego. A Xunta pretende, ademais, potenciar unha participación activa no procedemento de acreditación das competencias profesionais adquiridas pola experiencia laboral.

Aos orientadores que traballan nos concellos e entidades súmanse os do Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG). Deste xeito, na actualidade, o servizo de orientación laboral de Galicia está composto por máis de 520 técnicos que actúan como titores personalizados de cada persoa desempregada.

Este servizo tamén está enfocado ás empresas, xa que os traballadores desta rede especializada na orientación contactan coas firmas para difundir as súas iniciativas e realizar unha prospección das súas necesidades, ao tempo que lles informan sobre os diferentes incentivos cos que conta a Administración autonómica para a contratación.

Esta iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria enmárcase na Axenda 20 coa que se está a impulsar a calidade e estabilidade no mercado laboral ata 2020. Preténdese poñer en marcha, entre outras medidas, un novo modelo de orientación aberta, achegando o servizo aos usuarios e combinando accións presenciais e online; ademais de potenciar a atención a empresas tanto desde as oficinas de emprego como nas de apoio á empresa, orientándoas a servizos, pemes e emprendedoras.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre