Inicio Galicia A Xunta destina máis de 100 millóns de euros na presente lexislatura...

A Xunta destina máis de 100 millóns de euros na presente lexislatura a impulsar as reestruturacións parcelarias

0

O conselleiro sinalou que actualmente estase traballando en 121 parcelarias que afectan a preto de 120.000 hectáreas e 90.000 propietarios e adiantou que nestas concentracións xa se realizaron o 95% dos investimentos

O conselleiro do Medio Rural, José González, respondeu esta tarde no Parlamento a unha pregunta sobre a situación actual dos procesos de reestruturación parcelaria en Galicia. Así, indicou que na presente lexislatura se destinan máis de 100 millóns de euros a impulsar estes procesos de reordenación do territorio, xa que son claves como instrumentos de dinamización do agro galego.

Durante a súa comparecencia, o titular de Medio Rural sinalou que, a día de hoxe, estase traballando en 121 parcelarias que afectan a preto de 120.000 hectáreas e 90.000 propietarios. Nesta liña, José González adiantou que nestas concentracións xa se realizaron o 95% dos investimentos.

O conselleiro asegurou que as parcelarias seguen a ser un dos mellores mecanismos para darlle máis valor ás terras, á vez que permiten aumentar a base territorial das explotacións e reducir considerablemente os custos de produción das mesmas. Por iso, engadiu, as novas reestruturación parcelarias teñen unha concepción moderna da mellora das estruturas, orientadas a favorecer o desenvolvemento económico das explotacións.

Neste sentido, José González reiterou, unha vez máis, o compromiso da Xunta en pechar administrativamente os 104 procesos abertos a día de hoxe e sinalou que, desde que se comezou coa concentración en Galicia, actuouse en máis de 1.000 zonas que abranguen unha superficie de máis de 500.000 hectáreas, beneficiando a case medio millón de propietarios. “As cifras impresionan”, destacou o conselleiro, ao tempo que incidiu en que Galicia ten no desenvolvemento rural unha garantía de futuro.

Sobre o acordo acadado con Mercosur, o conselleiro sinalou que é beneficioso para a Unión Europea e para os países latinoamericanos incluídos en Mercosur, posto que contribuirá a un aumento progresivo do intercambio de mercadorías e servizos entre países.

Con respecto á nosa comunidade, José González incidiu en que é vital mellorar o posicionamento dos produtos galegos nos mercados exteriores e que, grazas a este acordo, poderanse abrir fronteiras e dinamizar industrias, apostando pola internacionalización e polo investimento en I+D+i.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre