Inicio Galicia A Xunta destina este ano 5,1M? ás axudas periódicas para vítimas de...

A Xunta destina este ano 5,1M? ás axudas periódicas para vítimas de violencia de xénero, o orzamento máis alto desde a súa posta en marcha

0

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, compareceu no Parlamento galego para facer balance destas axudas periódicas en 2017 e 2018

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, compareceu hoxe no Parlamento galego para facer balance das axudas periódicas destinadas a mulleres vítimas de violencia de xénero entre 2017 e 2018. Destacou tamén que neste 2019 o orzamento destinado a este fin ascende a 5,1 millóns de euros, a contía máis alta desde que as axudas se puxeron en marcha en 2006.

Durante a súa intervención, López Abella fixo un percorrido polos requisitos, contías e modificacións que se teñen realizado nesta liña de axudas desde 2006. Ao respecto, sinalou que desde ese ano e ata 2018 destináronse máis de 33,6 millóns a estas prestacións, o que permitiu atender a 4.338 mulleres. Destas, 1.748 proviñan da provincia da Coruña (40,29%); 1.559 de Pontevedra (35,94%); 557 de Ourense (12,94%); e 474 de Lugo (10,93%).

Posteriormente, a secretaria xeral realizou un balance polo miúdo dos dous últimos anos. En 2017, un orzamento de algo máis de 4 millóns de euros permitiu atender a 417 mulleres vítimas de violencia de xénero: o 52% delas residían en núcleos urbanos moi poboados, e o 25% en zonas rurais despoboadas. En canto á nacionalidade, o 80% eran españolas e polo menos o 60% tiñan algún fillo ao seu cargo. Ademais, deste total, só dous casos proviñan das vítimas de trata con fins de explotación sexual, que tamén teñen dereito a percibir esta axuda. En canto á situación laboral, o 85% por cento das beneficiarias estaban en situación de desemprego.

En 2018 o investimento destinado ás prestacións periódicas superou lixeiramente os 4,6 millóns de euros e as beneficiarias foron 583 mulleres, isto é, 166 máis que en 2017. En canto á distribución territorial mantívose a tendencia do ano anterior: o 49% residía en núcleos urbanos moi poboados, e o 25%, en zonas rurais pouco poboadas. Ademais, o 76% foron españolas e o 23% de nacionalidade estranxeira. De novo, ao redor do 60% tiña algún fillo a cargo. Na convocatoria do ano pasado acreditáronse un total de 6 vítimas de trata con fins de explotación sexual. A tendencia en canto á situación laboral tamén se mantivo: de novo un 84 por cento estaba sen emprego, de aí a importancia deste tipo de axudas económicas que permiten á muller romper coa situación de violencia.

Axudas de entre 300 e 800 eurosA axuda consiste nunha contía económica que se percibe mensualmente, e que oscila entre os 300 e os 800 euros, en función dos ingresos da persoa beneficiaria, dos fillos/as menores ao seu cargo ou que padeza algún tipo de discapacidade.

Nesta convocatoria para 2019, as axudas económicas incorporaron tamén outras dúas novidades, ademais do aumento do orzamento ata os 5,1 millóns. Ampliáronse as beneficiarias potenciais: por unha banda, incluíuse a aquelas persoas con ingresos menores ou iguais a 2 veces o IPREM (ata agora este límite estaba en 1,5 veces o IPREM); e, por outra banda, incorporouse por vez primeira como potenciais beneficiarias ás vítimas da “violencia vicaria” ou “por interpósita persoa”, isto é, aquelas mulleres que padezan o asasinato dos seus fillos/as a mans do maltratador.

Pagamento único e indemnizaciónsAdemais das axudas periódicas, a Xunta tamén ten habilitadas outras liñas de axuda económica para as mulleres vítimas de violencia de xénero: as de pagamento único e as destinadas a cubrir indemnizacións.

A primeira liña -a de pagamento único- está destinada ás mulleres con insuficiencia de recursos e con especiais dificultades para obter un emprego. Hoxe mesmo o Diario Oficial de Galicia publica unha ampliación en 300.000 euros do orzamento destinado a esta liña, de xeito que o orzamento global ascenderá a un total de 700.000 euros.

Ademais, a Xunta tamén ten aberta unha liña de axudas para cubrir indemnizacións, destinada a aqueles casos nos que se teña incumprido por insolvencia o pago da indemnización á vítima, sempre que esta estea fixada por sentenza xudicial.

O orzamento de todas estas liñas de axudas é ampliable se as solicitudes así o requiren. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre