Inicio Galicia A Xunta destina este ano 26 M? en axudas para transformación e...

A Xunta destina este ano 26 M? en axudas para transformación e comercialización de produtos agrarios

0

José González cualificou esta fábrica como unha “instalación de referencia” en Galicia no que atinxe á posta en valor do leite e lembrou que recolle na nosa comunidade uns 159 millóns de litros de leite ao ano e beneficia a 150 gandeiros

O conselleiro do Medio Rural, José González, anunciou hoxe que proximamente se publicará no Diario Oficial de Galicia unha nova convocatoria de axudas para investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios, que estará dotada cun orzamento de 26 millóns de euros, para os anos 2020, 2021 e 2022. Fíxoo durante a súa visita á Queixería Entrepinares, situada na localidade luguesa de Vilalba e que cualificou como “instalación de referencia” en Galicia no que atinxe á transformación e posta en valor do leite.

O conselleiro destacou que Entrepinares -que precisamente foi beneficiaria deste tipo de axudas en varias ocasións- é o maior fabricante nacional de queixos, cunha produción anual duns 69 millóns de quilos e presenza en 35 países. Así mesmo, salientou que este grupo empresarial ten demostrado sobradamente o seu compromiso co sector leiteiro galego. Un compromiso que -dixo- se pon de manifesto coa recollida na nosa comunidade duns 159 millóns de litros de leite ao ano, o que representa arredor do 5,6% da produción total galega. José González explicou que a empresa beneficia así a máis de 150 gandeiros de Galicia.

Nesta visita, o conselleiro, que estivo acompañado polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e polo delegado territorial da Xunta en Lugo, reiterou o apoio da Xunta a estes procesos de transformación, que definiu como “a mellor fórmula para darlle valor engadido ás nosas producións e nomeadamente ao leite”.

Nesta liña, José González explicou que este respaldo plásmase nunha liña de axudas específica, que se destina a financiar a creación, ampliación e modernización das instalacións de transformación e comercialización de produtos agrarios. Dela poden beneficiarse os empresarios individuais ou sociedades que realicen actuacións como a construción, adquisición e mellora de bens inmobles, así como compra de terreos. Tamén se sufraga a compra de maquinaria e equipamentos novos, a adquisición de programas informáticos e de patentes ou licenzas relacionadas cos procesos produtivos.

Estabilidade do lácteoSobre a situación do sector leiteiro, o conselleiro sinalou que “actualmente vive unha situación de estabilidade con datos positivos como o incremento do prezo, que no pasado mes de novembro medrou 0,5 céntimos/litro respecto ao mes anterior”. Nesta mesma liña, José González lembrou que Galicia segue a ser líder nacional tanto en número de gandeiros como en produción leiteira e que avanza tamén no impulso á transformación e na posta en valor do leite, algo que -advertiu- se pon de manifesto a través dos diferentes proxectos industriais en marcha neste intre, entre os que salientou este de Entrepinares en Vilalba. Citou tamén os de Larsa en Outeiro de Rei e de Inleit en Curtis.

Por último, o conselleiro reiterou o compromiso do Goberno galego de seguir traballando para mellorar este eido. Para iso, indicou, están en marcha varios camiños, entre eles a estratexia de dinamización do sector lácteo, coa que se persegue seguir afondando na transparencia e no funcionamento da cadea de valor do leite. Así, indicou o conselleiro, seguirase apostando pola colaboración e o diálogo, así como por continuar traballando de forma coordinada e conxunta entre todos os elos da devandita cadea.

Doutra banda, proseguiu o titular de Medio Rural, cómpre tamén destacar as axudas para impulsar o sector. Neste sentido, recordou que só o pasado ano 2019 a Xunta destinou 42 millóns de euros ás achegas para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas (coñecidos como plans de mellora), para a creación de empresas por persoas agricultoras mozas e para o desenvolvemento de pequenas explotacións. José González remarcou que neste ano 2020 “imos achegar unhas cantidades semellantes, para manter o pulo das nosas producións agrogandeiras”.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre