Inicio Galicia A Xunta destina 82.000 euros máis á asociación Amencer-Aspace e aumenta nos...

A Xunta destina 82.000 euros máis á asociación Amencer-Aspace e aumenta nos seus centros 7 prazas de atención á discapacidade

0

Incrementan dúas prazas no centro de día de Campolongo e cinco no de Vilagarcía de Arousa


A conselleira de Política Social, Fabiola García, salientou o aumento de máis de 82.000 euros que a Xunta de Galicia destina este ano á asociación Amencer-Aspace e que serve para incrementar en 7 as prazas públicas de atención á discapacidade nos seus centros de día. Fíxoo esta tarde durante a súa visita ás instalacións do recurso que esta entidade ten en Campolongo.

Fabiola García explicou que das novas prazas públicas, dúas foron habilitadas no de Campolongo, onde a totalidade da oferta xa é pública e se incrementou o investimento en 25.000 euros; e cinco nas de Vilagarcía de Arousa, onde se destinan 62.000 euros máis para mellorar a calidade de vida destas persoas e das súas familias.

Neste sentido, a conselleira sinalou que co aumento destas achegas á Amencer-Aspace, o importe que recibe este ano para continuar o seu traballo coas persoas con parálise cerebral está preto dos 500.000 euros. Unha contía que permite financiar na actualidade 39 prazas públicas nos seus tres centros de día.

Por último, a conselleira resaltou o bo facer desta organización nos seus servizos, a proximidade ás necesidades específicas dos usuarios e a calidade na atención que realizan. Deste modo, asegurou que a Xunta de Galicia seguirá traballando día a día a carón de entidades como esta. Un compromiso que se ve reflexado nos 106 millóns de euros que os Orzamentos, que levan en vigor desde comezos de ano, destinan a Discapacidade, un 63% máis que o que se investía hai 10 anos. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre