Inicio Galicia A Xunta destina 5,7 millóns de euros a concellos de menos de...

A Xunta destina 5,7 millóns de euros a concellos de menos de 50.000 habitantes para rehabilitar e conservar o patrimonio construído

0

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda concederá préstamos sen xuros para financiar actuacións de rehabilitación de competencia municipal así como para a adquisición de inmobles para a súa posterior recuperación

A Xunta de Galicia pon a disposición dos concellos de menos de 50.000 habitantes un orzamento de 5,7 millóns de euros para financiar, a través de préstamos sen xuros, actuacións de rehabilitación e rexeneración urbanas, así como a adquisición de inmobles para a súa posterior rehabilitación.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Resolución pola que se realiza a convocatoria para o presente exercicio do Fondo de cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes.

O prazo de presentación de solicitudes abrirase a partir de mañá e rematará o vindeiro 1 de outubro ou no momento en que se esgote o crédito orzamentario.

O obxectivo deste Fondo é facilitar que os concellos acometan actuacións de recuperación e posta en valor do patrimonio construído, co obxecto de recuperar ámbitos en estado deficiente de conservación, como medida de protección do patrimonio cultural e arquitectónico, do medio ambiente, da paisaxe e do territorio en aras de mellorar a calidade de vida dos cidadáns, facilitando que podan dispoñer dunha vivenda digna e axeitada.

Neste sentido, contribuirá a facilitar aos concellos as actuacións subsidiarias de rehabilitación cando os propietarios das vivendas desatendan as súas obrigas. Nestes casos a normativa vixente permite ás entidades locais actuar subsidiariamente e despois reclamar aos propietarios o importe das actuacións realizadas, pero moitos concellos non exercen o seu dereito por non dispoñer do financiamento necesario, ao que agora poderán acceder a través deste Fondo de cooperación.

Deste xeito, o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) concederá préstamos sen xuros aos concellos para a realización de diversas obras de rehabilitación de edificacións, co compromiso das administración locais de devolver as cantidades percibidas.

Con cargo ao Fondo de cooperación convocado hoxe poderán financiarse:- Actuacións promovidas polos concellos no desenvolvemento das competencias que lles atribúe a lexislación urbanística, en relación cos deberes de conservación e rehabilitación.- Actuacións de rehabilitación e rexeneración urbanas realizadas polo concello dentro das propias políticas municipais en materia de conservación e recuperación do patrimonio construído.- Adquisición de inmobles para a súa posterior rehabilitación.

Os concellos interesados en pedir financiamento do Fondo de cooperación deberán solicitar do IGVS a sinatura dun acordo de adhesión a o devandito Fondo no que constarán as actuacións a realizar polo concello, a contía a dispoñer, o prazo e condicións de reintegro e demais condicións para acceder ao mesmo.

Ningún concello poderá realizar unha solicitude de disposición nin acumular a través de diferentes acordos de adhesión máis do 25 % do total do importe co que esta dotado o fondo. Ademais, o solicitante deberá atoparse ao corrente das súas obrigas coa Comunidade Autónoma e comprometerse a incluír nos orzamentos dos exercicios seguintes, con cargo aos ingresos correntes, as anualidades previstas no acordo para a reposición dos fondos.

O Fondo de cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes está dotado cun importe de 10 millóns de euros procedentes das fianzas de alugueiro depositadas no IGVS, cuxa devolución aos depositarios está plenamente garantida. As cantidades devoltas polos concellos pasarán a integrarse novamente no Fondo para que podan ser reutilizadas en novos préstamos.

Durante as convocatorias de 2017 a 2019 concedéronse préstamos por un importe total de 4,3 millóns de euros. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre