Inicio Galicia A Xunta destina 457.000 euros a programas de promoción da igualdade e...

A Xunta destina 457.000 euros a programas de promoción da igualdade e contra a violencia de xénero con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF para 2020

0
image_gallery.jpg

O DOG publica hoxe estas subvencións destinadas a entidades do terceiro sector de acción social sen ánimo de lucro e á Cruz Vermella


O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución de axudas destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social dirixidos á promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e loita contra a violencia de xénero, con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF de 2020. A convocatoria deste ano conta cun orzamento de 457.068 euros.

As axudas están destinadas a entidades do terceiro sector de acción social sen ánimo de lucro e á Cruz Vermella para levar a cabo programas dirixidos á promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e loita contra a violencia de xénero.

Para optar a estas axudas as organizacións deberán estar legalmente constituídas con dous anos de antelación e inscritas na área de igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) da Xunta, carecer de ánimo de lucro e ter o seu domicilio social ou delegación na comunidade galega, entre outros requisitos.

As subvencións abarcan actuacións que se leven a cabo ao longo de 2021 relacionadas coa promoción da igualdade e de prevención e loita contra a violencia de xénero con programas de acollida, atención e asesoramento para mulleres en situación de vulnerabilidade e que coadxuven na protección e seguridade das vítimas da violencia de xénero e dos seus fillos e fillas. Ao abeiro desta liña de axudas inclúense accións de apoio e tratamento integral dirixidas a mulleres vítimas da violencia de especialmente vulnerables, como mozas e adolescentes, mulleres con discapacidade, maiores, que residen no medio rural, inmigrantes, ou pertencentes a minorías étnicas.

Tamén se promoven iniciativas de información e formación para o empoderamento e participación activa de mulleres en situación de vulnerabilidade ou que residen no medio rural, co obxectivo de impulsar o emprendemento, o autoemprego, a formación e a mellora da súa capacitación para mellorar o seu acceso ao mercado laboral. Ademais, fináncianse programas para o tratamento da saúde integral e sobre a sexualidade das mulleres, e proxectos de conciliación destinados a mulleres en situación de vulnerabilidade baseadas en actividades de coidado e atención a menores de 12 anos, persoas con discapacidade ou dependentes e persoas maiores.

As entidades poderán presentar as súas solicitudes de forma obrigatoria a través da sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal ) durante un prazo dun mes desde mañá.

Ampliación axudas pago únicoPor outra banda, o Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se amplía o orzamento das axudas de pago único destinadas á atención das vítimas de violencia de xénero que que acrediten insuficiencia de recursos e dificultades especiais para obter un emprego. Con esta segunda ampliación, dotada con 600.000 euros, estas subvencións previstas pola Lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero suman un investimento de 1,8 millóns de euros.

Cómpre lembrar que a contía inicial de 600.000 euros xa se vira incrementada noutros 600.000 euros cunha primeira ampliación de crédito publicada o pasado abril. Con esta segunda ampliación preténdese que todas as vítimas desta lacra que cumprían os requisitos da orde sexan beneficiarias das axudas. A contía das axudas de pagamento único varía desde o equivalente a seis meses do subsidio de desemprego vixente ata os 24 meses, en función das circunstancias familiares e de renda.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre