Inicio Galicia A Xunta destina 370.000 euros a acondicionar a travesía de San Eufrasio...

A Xunta destina 370.000 euros a acondicionar a travesía de San Eufrasio de Lugo, o treito con maior intensidade de tráfico da rede de estradas autonómicas da provincia

0

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, subliñou que o proxecto inclúe a extensión dunha nova capa de rodadura nos preto de catro quilómetros que separan a estación do tren e o enlace coa A-6


A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade investirá este ano 370.000 euros no acondicionamento da travesía de San Eufrasio, en Lugo, unha vía urbana que é o arranque da estrada LU-530 (Lugo-A Fonsagrada). En concreto, actuarase entre a estación do ferrocarril (o punto quilométrico 0+000) e o enlace coa autovía A-6 (punto quilométrico 3+600).

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, presentou hoxe o proxecto e destacou que este é o tramo con maior intensidade de tráfico da rede de estradas autonómicas na provincia, cunha media de 10.000 vehículos ao día, dado que constitúe o acceso preferente á cidade polo leste e sirve tamén para acceder ao hospital Lucus Augusti e á autovía A-6.

Balseiro explicou que neste tramo realizarase un acondicionamento integral, con fresados localizados nos puntos que presenten maior deterioro e a renovación da capa de rodadura en toda a lonxitude. A Axencia Galega de Infraestruturas —dependente da citada consellería— licitará e adxudicará as obras nas vindeiras semanas coa previsión de que estean executadas neste mesmo ano.

O delegado apuntou que a Xunta investirá tamén 188.500 euros noutros proxectos de mellora que se acometerán proximamente na mesma estrada. Así, vanse repintar as marcas viarias nos 37 quilómetros que separan Castroverde e A Fonsagrada, co fin de mellorar a visibilidade e reforzar a seguridade viaria. Igualmente, realizará obras de mellora en Castroverde, entre os puntos quilométricos 15+200 (Arcos) e o 21+000, onde finaliza a travesía da localidade.

Balseiro subliñou que estas actuacións forman parte da programación de obras para o 2019, “e os técnicos da consellería levan meses traballando na elaboración, supervisión e aprobación dos proxectos”. No mesmo sentido, afirmou que “dende a Xunta de Galicia traballamos constantemente no compromiso de modernizar e manter en perfecto estado as vías de comunicación de titularidade autonómica”.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre