Inicio Galicia A Xunta destina 32.000 euros á adquisición dun vehículo para labores ambientais...

A Xunta destina 32.000 euros á adquisición dun vehículo para labores ambientais da Policía Local do concello de Tomiño

0

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, fixo entrega deste vehículo financiado polo Goberno galego ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, fixo entrega hoxe dun vehículo para o corpo de Policía Local do concello de Tomiño que se destinará a labores ambientais e que a Xunta financiou cunha aportación de 32.000 euros a través do Fondo de Compensación Ambiental, o que supón o 80% do seu custo total.

Trátase dun vehículo híbrido de tracción 4×4 con distintivo ambiental de cero emisións que contribuirá a que os efectivos da Policía Local do municipio poidan velar pola protección do medio ambiente e do espazo natural en actuacións relacionadas co control da recollida selectiva de residuos e de verteduras, a recuperación de animais salvaxes feridos ou domésticos abandonados, a protección da fauna e flora ou a vixilancia da limpeza e conservación dos espazos públicos.

Natalia Prieto destacou que esta dotación permitirá mellorar a contorna natural e a seguridade da veciñanza. Por iso, sinalou a importancia da colaboración entre a Xunta e os concellos para que poidan prestar servizos de calidade á cidadanía, como neste caso co obxectivo de garantir a protección ambiental.

Esta achega ao concello de Tomiño foi posible grazas ao Fondo de Compensación Ambiental que desde 2010 permite que os concellos se beneficien das explotacións eólicas instaladas na súa contorna e ao que a Xunta destina 12,5 millóns de euros na convocatoria deste ano. No marco deste fondo, o Goberno galego financia actuacións nos concellos dirixidas ao incremento da eficiencia no aproveitamento dos recursos enerxéticos renovables, da sustentabilidade, da biodiversidade e do uso recreativo e educativo dos recursos de Galicia.

O investimento do Goberno galego no municipio nos últimos anos a través das distintas liñas de axudas da Vicepresidencia Primeira para executar proxectos que redunden no benestar dos veciños supera os 349.000 euros.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre