Inicio Galicia A Xunta destina 244.000 euros a reformar o sistema de calefacción do...

A Xunta destina 244.000 euros a reformar o sistema de calefacción do IES Lois Peña Novo de Vilalba coa instalación dunha sala de caldeiras de biomasa

0

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a instalación proxectada “dará prioridade” á xeración de calor mediante as caldeiras de biomasa e a de gasóleo só funcionará “en momentos de máxima demanda térmica”


A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional reformará o sistema de calefacción do Instituto de Educación Secundaria (IES) Lois Peña Novo de Vilalba, un proxecto que contempla instalar unha sala de caldeiras de biomasa para complementar o sistema actual de xeración de calor, que utiliza como combustible o gasóleo.

Así o explicou hoxe o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, no transcurso dunha visita ao instituto vilalbés para presentar as características do proxecto aos membros do equipo directivo. Balseiro explicou que as obras están en proceso de adxudicación e avanzou que esta será “inminente”; e precisou que o orzamento de licitación dos traballos é de 244.300 euros.

Segundo destacou o delegado, a instalación proposta “daralle prioridade ao funcionamento das novas caldeiras de biomasa”, de xeito que “a de gasóleo só funcionará en momentos de máxima demanda térmica, cando non sexa suficiente a potencia subministrada polos novos equipos”. Así, salientou que estes serán “suficientes para dar servizo completo de calefacción en condicións normais de funcionamento”.

No IES Lois Peña Novo funcionan dúas caldeiras de gasóleo que alimentan o sistema de calefacción do edificio. O delegado sinalou que este proxecto contempla o mantemento dunha delas –que ten unha potencia de 232,5 KW- e a eliminación da outra, e a instalación dunha sala prefabricada con catro caldeiras de biomasa de alta eficiencia, con silo de alimentación de biocombustible.

En total, a nova sala aportará 224 KW -56 KW por cada unha das caldeiras de biomasa instaladas-, unha cifra que equivale a case o dobre da potencia da caldeira de gasóleo que será retirada. O proxecto técnico tamén contempla a instalación dun silo de almacenamento de pellets, que será unha estrutura transportable cunha capacidade aproximada de 20.000 quilogramos.

A obra inclúe traballos de albanelería e renovación da instalación eléctrica; e tamén se procederá ao cambio dos equipos de bombeo e transporte de fluídos para proceder á instalación dos equipos de alta eficiencia.

Unha das particularidades da instalación é que será dotada dun sistema de xestión e control autónomo e conectado mediante un software axeitado a un ordenador, o que permitirá xestionar o sistema de forma remota.

A Consellería tamén cambiará ventás no IESO delegado territorial avanzou así mesmo que a Consellería prevé executar este ano no IES Lois Peña Novo obras de substitución de ventás, cun orzamento aproximado de 30.000 euros; unha actuación que contribuirá a mellorar o illamento térmico do edificio.

Balseiro precisou que o novo proxecto se enmarca dentro da estratexia da Xunta de Galicia para impulsar o emprego da biomasa como combustible térmico, “co obxectivo de aumentar o uso das enerxías renovables para xerar calor en edificacións e favorecer o paso a unha economía baixa en carbono”.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre