Inicio Galicia A Xunta destina 160.000 euros a impulsar a competitividade do comercio de...

A Xunta destina 160.000 euros a impulsar a competitividade do comercio de proximidade nas comarcas do sur de Lugo

0

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, explicou que as axudas van destinadas ás organizacións de comerciantes, para accións de dinamización, e a empresarios para medidas de dixitalización e modernización


A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de conceder axudas por importe de 159.200 euros para impulsar o sector comercial nas comarcas do sur lucense. O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, acudiu hoxe a Monforte de Lemos para explicar estas achegas acompañado, entre outras persoas, pola presidenta do Centro Comercial Urbano dese concello, María José Senra, e o xerente Ángel Folgueira.

Balseiro sinalou que a Xunta destina 40.000 euros ao Centro Comercial Urbano de Monforte e outros 40.000 euros á Asociación de Comerciantes de Chantada ao abeiro dun programa para fomentar o asociacionismo do sector, e 79.200 euros en axudas para 13 comerciantes e obradoiros artesáns mediante unha orde de subvencións específica para modernizar o comercio retallista.

Respecto ás primeiras, o delegado subliñou a colaboración da Consellería coas asociacións de comerciantes para dinamizar e revitalizar os centros comerciais abertos, creando espazos confortables e de lecer que incentiven as compras nos comercios das vilas e cidades galegas.

Balseiro destacou como principal novidade a posibilidade de recibir axudas orientadas á posta en marcha de solucións dixitais para a venda e promoción de produtos dos comercios asociados, para a modernización da imaxe do centro comercial aberto, a implantación e mellora do portal web ou iniciativas de marketing dixital.

Neste sentido, afirmou que o comercio local ten que “aproveitar todos os espazos de difusión dispoñibles e ter tamén presencia nas redes” e incidiu “no esforzo de adaptación que están a realizar os comerciantes”. Ao respecto, lembrou que na zona sur, os 13 beneficiarios das axudas para modernización recibiron apoio para propostas de dixitalización: creación de páxinas web, xestión de redes e mellora da imaxe dixital en xeral. A convocatoria admitía solicitudes por máis dun concepto, polo que dous dos comerciantes obtiveron tamén achegas para a reforma e acondicionamento integral dos seus establecementos, e un terceiro para un proxecto de expansión comercial, isto é, para abrir un novo local baseado no desenvolvemento da empresa xa existente.

Do total de comercios beneficiarios, nove están situados no concello de Monforte de Lemos, dous en Chantada, e hai tamén un en Taboada e outro en Bóveda. Entre todos, suman un investimento mobilizado de 132.000 euros.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre