Inicio Galicia A Xunta destina 120.000 euros a axudas para que as persoas desempregadas...

A Xunta destina 120.000 euros a axudas para que as persoas desempregadas cursen másters oficiais

0
image_gallery.jpg

O obxectivo é mellorar as perspectivas de incorporación destas persoas ao mercado de traballo


A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de axudas destinadas a persoas tituladas universitarias en situación de desemprego para a matrícula nun máster universitario oficial ofertado polas universidades do Sistema universitario de Galicia no curso académico 2020/2021. O obxectivo é apoiar aos titulados universitarios en situación de desemprego co fin de mellorar as súas perspectivas de incorporación ao mercado de traballo.

A contía de cada axuda individual cubrirá o importe correspondente a 60 créditos de primeira matrícula do máster universitario, segundo os prezos públicos establecidos no anexo do Decreto 102/2020, do 9 de xullo, polo que se fixan os prezos públicos pola prestación de servizos académicos e administrativos nas universidades do SUG. En función do tipo de máster que curse o beneficiario, o importe máximo de axuda a conceder será de 835,80 € e o mínimo de 591 €.

Para solicitar a axuda as persoas candidatas deberán estar en situación de desemprego á data de presentación da solicitude, ter rematados os estudos universitarios que lle dean acceso aos estudos do máster universitario con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2018 e estar matriculadas no curso académico 2020/21 nun máster universitario oficial ofertado polas universidades do SUG, dun mínimo de 60 créditos excluídos os créditos recoñecidos, convalidados ou adaptados. Cómpre destacar que no curso 2019/20 recibiron esta axuda 73 estudantes e desde o inicio desta convocatoria, no curso 2013/14, concedéronse 511 destas axudas.

Criterios de selecciónAs solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365.

A selección das solicitudes que cumpren os requisitos establecidos na convocatoria será realizada pola comisión avaliadora atendendo á orde de prelación indicada na convocatoria. Deste xeito, en primeiro lugar, terán preferencia as solicitudes daquelas persoas que leven máis días inscritas ininterrompidamente no Servizo Público de Emprego de Galicia sempre e cando acaden os 180 días e non teñan outra titulación de máster oficial; e, en segundo lugar, as que leven más días inscritas e xa teñan outra titulación de máster oficial.

En terceiro lugar, contemplaranse as solicitudes daquelas persoas que dispoñan de máis días de inscrición ininterrompida no Servizo Público de Emprego de Galicia non acadando os 180 e non teñan outra titulación de máster oficial; en cuarto lugar as que xa posúan un título de máster.

En caso de empate entre dous ou máis solicitantes, procederase ao desempate atendendo á maior antigüidade na data de obtención do título que lle dá acceso aos estudos de máster universitario, para o que se terá en conta o mes e ano no que superou os estudos conducentes ao mencionado título.

Desta forma búscase dar oportunidades ás persoas que realizan por primeira vez este tipo de estudos, á par que se prioriza a aquelas que levan máis tempo en situación de desemprego.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre