Inicio Galicia A Xunta destina 1,2 millóns de euros para acondicionar e mellorar a...

A Xunta destina 1,2 millóns de euros para acondicionar e mellorar a sinalización de case 200 quilómetros do Camiño de Inverno

0

O vicepresidente primeiro presentou hoxe en Chantada este Plan de mellora, que inclúe a instalación de nova sinalización e a rehabilitación de tramos do camiño

A Xunta investirá 1,2 millóns de euros para acondicionar e mellorar a sinalización de case 200 quilómetros do Camiño de Inverno, o que suporá facer actuacións neste itinerario ao seu paso por 14 concellos.

Así o explicou hoxe o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, que precisou que os traballos comezarán a próxima semana e terán un prazo de execución duns 6 meses. A través deste Plan, mellorarase e unificarse a sinalización, con cunchas en parede, fitos de pedra ou sinalética doutras clases. No caso dos concellos de Valdeorras (Rubiá, Carballeda de Valdeorras, o Barco de Valdeorras e a Rúa), vanse empregar mouteiras de lousa. As actuacións previstas tamén contemplan rehabilitar tramos de camiño, con actuacións como adecuación do solo ou das anchuras, para que sexan homoxéneos co resto de itinerarios.

Esta iniciativa non é a única que a Xunta está a acometer no Camiño de Inverno. Neste sentido, cómpre destacar que está previsto un investimento de 1,5 millóns de euros ata 2022 neste itinerario dentro do Plan de mantemento dos camiños.

Ademais, o Camiño de Inverno tamén resulta beneficiado dentro do Plan de albergues da Xunta, que inclúe 7 millóns de euros para toda Galicia e a execución de 8 novas instalacións en todo o territorio. En concreto, no Camiño de Inverno vanse construír o albergue do Saviñao, no Pazo de Diomondi, cuxas obras comezarán en breve; e un albergue en Rodeiro, que está en fase de estudo.

Alfonso Rueda destacou que o Goberno galego segue a traballar, pese as restricións coas que conter a pandemia, co obxectivo de recibir a peregrinos e visitantes unha vez que a situación sanitaria o permita, e tamén para ter todo a punto para o Xacobeo 2021.

De feito, a maiores das melloras en infraestruturas, a Xunta está traballando tamén por tomar todas as medidas sanitarias necesarias para que o Camiño sexa seguro para peregrinos e veciños. Así, esta mesma semana presentou un Plan para corredores peonís no Camiño Francés, que se vai estender ao resto de itinerarios. Neste Plan reúnense todas as directrices sanitarias elaboradas do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) para que o Camiño conte con todas as garantías. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre