Inicio Galicia A Xunta destaca que preto do 80% dos plans de mellora do...

A Xunta destaca que preto do 80% dos plans de mellora do 2018 corresponderon a explotacións de vacún de leite e de carne

0

José Balseiros explicou que Medio Rural traballa tamén noutros ámbitos, como as novas leis de xestión dos residuos agrogandeiros e de recuperación e posta en valor das terras agrarias, así como na mesa estratéxica do sector lácteo


Preto do 80% dos plans de mellora aprobados en 2018 en Galicia corresponderon a explotacións de vacún de leite e carne. No primeiro caso, supuxeron o 63% e no de carne acadaron o 16% do total dos plans. Todo isto supuxo unha achega de máis de 27 millóns de euros en axudas para este tipo de explotacións no campo galego.

Así o destacou esta mañá o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, durante a súa intervención na V Xornada técnica sobre a mellora no manexo do gando bovino celebrada na localidade pontevedresa de Agolada.

A maiores destas subvencións, o director xeral salientou que a Consellería do Medio Rural está a traballar noutros eidos, entre os que citou as novas leis de xestión dos residuos agrogandeiros e de recuperación e posta en valor das terras agrarias, así como a mesa estratéxica do sector lácteo, que leva en marcha dende comezos deste ano, puntualizou. Precisamente sobre esta estratexia, Balseiros convidou aos gandeiros a asistir ás charlas informativas previstas para dar conta dos avances desta iniciativa en toda Galicia e advertiu que unha delas terá lugar no Deza.

Vocación agrogandeira do DezaEn relación coa vocación agrogandeira desta comarca do interior pontevedrés, o director xeral destacou que esta actividade fai da bisbarra dezá a máis importante da provincia no sector. Dixo ademais que os gandeiros dos seis concellos que a forman (Lalín, Rodeiro, Silleda, Agolada, Vila de Cruces e Dozón) declararon en 2019 dentro da solicitude unificada da PAC unhas 28.850 hectáreas, que supoñen máis do 28% de toda a superficie comarcal.

Delas, a Agolada corresponden unhas 3.000 hectáreas, cunha superficie media dunhas 18 ha, que xunto con Dozón e Rodeiro acadan as maiores superficies medias por explotación da comarca. Balseiros vinculou todos estes datos coa importancia desta xornada, que puxo en valor porque favorece -indicou- o intercambio de experiencias entre gandeiros e serve para fomentar o asociacionismo no sector.

Tamén dentro da comarca do Deza, o director xeral impartiu tamén hoxe un relatorio sobre a normativa ambiental para a xestión de xurros na aula UNED Polígono Lalín 2000 da capital comarcal. Neste foro falou tamén da futura lei de xestión das dexeccións gandeiras, que definiu como unha iniciativa pioneira da Xunta para mellorar este ámbito, fundamental no agro galego.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre