Inicio Galicia A Xunta destaca que do primeiro Hackathon virtual de Galicia sairán solucións...

A Xunta destaca que do primeiro Hackathon virtual de Galicia sairán solucións innovadoras aplicables á era poscovid-19

0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou esta mañá en Vigo na primeira das catro xornadas do #HACKatHOME que reúne ata o ao 30 de xuño a empresas, centros de coñecemento e persoas innovadoras

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou esta mañá en Vigo na primeira das catro xornadas do evento #HACKatHOME, o primeiro hackathon virtual de Galicia, onde destacou que agarda que do traballo destes días saian solucións innovadoras aplicables a curto prazo no novo escenario poscovid-19.

Conde agradeceu a Gradiant, unha das 40 entidades que colaboran nesta iniciativa, a súa cooperación neste evento da Axencia Galega de Innovación (Gain) xa que con esta proposta se fomenta o emprendemento pero tamén a innovación a través da Compra Pública Innovadora.

O #HACKatHOME celébrase desde hoxe e ata o 30 de xuño co obxectivo de desenvolver solucións innovadoras que dean resposta ás necesidades xeradas pola pandemia na industria, o comercio e o emprego, como a seguridade das persoas coa mellora dos espazos de traballo para evitar a dispersión do virus e o incremento da seguridade nos espazos comerciais, optimizar o teletraballo, coordinar equipos nun contexto de separación física ou reducir as necesidades de desprazamento da industria.

Este hackathon virtual unirá, de xeito remoto, a persoas de diferentes ámbitos relacionados coa innovación, co apoio de empresas tecnolóxicas, universidades e centros tecnolóxicos. O #HACKatHOME ofrece unha experiencia intensiva e inmersiva de creación de catro días de duración na que se intentará desenvolver dun xeito áxil prototipos e solucións innovadoras con formato transversal, aberto e de aplicación o máis inmediata posible no ámbito industrial, comercial e do emprego.

Os integrantes traballarán en grupos e contarán coa axuda dun equipo de mentores e titores vinculados ao mundo empresarial que os asesorarán sobre as liñas xerais dos proxectos e os detalles técnicos. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre