Inicio Galicia A Xunta destaca que as relacións laborais son clave no novo modelo...

A Xunta destaca que as relacións laborais son clave no novo modelo produtivo para acadar un mercado de traballo de calidade

0

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe en Santiago na clausura do XXIX Curso Superior de Relacións Laborais


A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe en Santiago de Compostela na clausura do XXIX Curso Superior de Relacións Laborais, onde puxo en valor o papel das relacións laborais indicando que son un dos principais eixos das políticas de emprego do Goberno galego, xa que xogan un papel decisivo para o diálogo, o entendemento e a negociación, e para acadar a paz social.

Na súa intervención apelou ao diálogo para consolidar unhas relacións laborais sólidas e axeitadas ao novo contexto económico e puxo en valor o traballo que desenvolve o Consello Galego de Relacións Laborais, que ten como máximo reto a mediación na solución de conflitos laborais. Salientou que este órgano xoga un papel destacado na mellora das relacións laborais e na consolidación do mercado de traballo.

Indicou, así mesmo, que o obxectivo da Administración autonómica é buscar e apoiar medidas que melloren a situación laboral dos galegos e galegas apostando pola consolidación dunhas relacións laborais que garantan os intereses individuais e colectivos dos galegos co obxectivo de aumentar a estabilidade e calidade do emprego. Sinalou, ademais, que o diálogo e a negociación colectiva son os mellores instrumentos para abordar a nova realidade do mercado de traballo que ten como retos o emprego do futuro da man da dixitalización, a igualdade efectiva entre homes e mulleres, a estabilidade laboral, a inclusión, a flexibilidade e a conciliación.

Neste senso, Toca lembrou que a Xunta, da man da patronal e dos sindicatos, mantén aberto un proceso de diálogo social en Galicia no que se está traballando na mellora das cláusulas sociais, a modernización das relacións laborais, as políticas activas de emprego, a igualdade entre homes e mulleres e a transformación tecnolóxica e o emprego do futuro. Subliñou que “a Xunta avoga por un diálogo social que impulse un modelo produtivo competitivo e sustentable adaptado as novos tempos”.

Lembrou, por último, que o diálogo, a negociación e o acordo permitiron en Galicia unha estabilidade institucional e un crecemento económico, tres claves que, segundo remarcou, deben continuar para dar resposta aos novos modelos de traballo, as políticas de emprego e as relacións laborais. Neste senso, insistiu na colaboración cos interlocutores sociais para poder coñecer os aspectos que se poden mellorar e para poñer sobre a mesa propostas para seguir avanzando no camiño do emprego de calidade.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre