Inicio Galicia A Xunta destaca que a novena edición da Guía de Peritos Xudiciais...

A Xunta destaca que a novena edición da Guía de Peritos Xudiciais e Mediadores axudará a axilizar o traballo dos xulgados galegos

0

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, participou esta mañá na presentación da publicación, elaborada pola Unión Profesional de Galicia en colaboración coa Xunta

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, participou hoxe na presentación dunha nova edición da Guía de Peritos Xudiciais e Mediadores de Galicia da que dixo que, por noveno ano consecutivo, seguirá a ser un instrumento útil ao que poden recorrer xulgados e tribunais galegos cando precisen auxilio pericial e que permitirá axilizar o seu traballo.

A guía elaborada pola Unión de Profesionais de Galicia en colaboración co Goberno galego, publicouse por primeira vez e de xeito pioneiro en 2011, e reúne de xeito organizado peritos de diversas especialidades e mediadores á disposición da xustiza.

Juan José Martín reiterou o apoio da Xunta a esta iniciativa que facilita a designación dos expertos periciais ao contar con máis de 2.000 profesionais colexiados ou asociados que poñen os seus coñecementos técnicos ao servizo do Consello Xeral do Poder xudicial cando sexa necesario realizar estudos que lle encomenden as autoridades xudiciais nas materias que precisen dos seu auxilio. Nesta liña, o Goberno galego tamén mantén o seu compromiso na dotación dos medios precisos para contribuír a unha xustiza de calidade.

O director xeral de Xustiza salientou a labor dos colexios profesionais pola súa participación na produción lexislativa a través de informes técnicos e periciais e ditames sobre a normativa que lles afecte. A Xunta considera imprescindible contar co asesoramento cos colexios porque os asuntos cada vez máis complexos que chegan aos xulgados galegos requiren de coñecementos científicos, técnicos e prácticos para que o xuíz poida facer una correcta valoración das circunstancias relevantes no asunto a enxuízar.

O Goberno galego colabora cos colexios no ámbito xudicial. Así, cos Colexios da Avogacía e da Procuradoría conta cun acordo asinado en 2017 para fixar a quenda de oficio, que neste trimestre actualizou o baremo económico que perciben os avogados que prestan asistencia xurídica gratuíta. Ademais, a colaboración da Xunta cos Colexios da Avogacía e de Psicoloxía permitiu constituír servizos de mediación intraxudicial nas sete cidades galegas. Tamén os convenios que a Administración autonómica mantén cos colexios de profesións técnicas contribúen á prestación de asistencia pericial.

A Xunta considera que a Unión de Profesionais de Galicia é unha voz cualificada na relación cos colexios galegos, xa que agrupa a máis de 40 colexios profesionais de ámbito autonómico e unha trintena de titulacións universitarias, e representa a máis de 60.000 profesionais que exercen o seu labor na comunidade galega.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre