Inicio Galicia A Xunta destaca que a aposta pola orientación e a formación especializada...

A Xunta destaca que a aposta pola orientación e a formación especializada é a mellor vía para a creación de emprego

0

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, visitou hoxe o Concello de Curtis, onde coñeceu o traballo que están a realizar as persoas contratadas a través de diferentes programas autonómicos

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, visitou hoxe o Concello de Curtis para informar sobre as principais liñas de axuda da Xunta en materia de emprego. Casal coñeceu o traballo que están a realizar as persoas contratadas a través de diferentes programas autonómicos como son o Aprol Rural ou a liña de apoios destinada á contratación de socorristas.

Na xuntanza que mantivo co alcalde, o director xeral informoulle sobre as axudas postas en marcha pola Xunta de Galicia para seguir promovendo na Comunidade autónoma a creación de emprego de calidade. Sinalou, ao respecto, que a vía para crear emprego de calidade é escoitar propostas e atender as necesidades reais e puntuais axustadas ao contexto actual.

Entre as axudas que puxo en valor Casal, destacou os programas dirixidos á contratación de orientadores e os que combinan contratación e formación especializada, xa que, segundo apuntou, son dúas claves para facilitar a inserción laboral das persoas sen emprego.

Con respecto á orientación, lembrou que a Xunta está a impulsar un modelo de orientación aberta que busca unha maior implicación, compromiso e protagonismo da persoa demandante na configuración, execución e mellora do seu propio proceso de procura activa de emprego, cunha maior relevancia das TIC no seguimento e interacción.

Este modelo de orientación aberta é unha aposta da Administración autonómica para achegar o servizo aos usuarios e combinar accións presenciais e online, nunha firme aposta polo desenvolvemento das novas tecnoloxías.

A Xunta vén de resolver, cunha contía de 6,7 millóns de euros, a convocatoria de axudas destinada aos concellos e entidades sen ánimo de lucro que prestan servizos de orientación laboral para o emprego e asistencia para o autoemprego. Estes apoios teñen como obxectivo mellorar as posibilidades de ocupación das persoas demandantes de emprego.

En canto á formación, indicou que unha cualificación para o emprego axeitada permite responder ás principais demandas dos novos mercados laborais no novo escenario económico poscovid-19 e apuntou á formación como dinamizadora do emprego de calidade e da inserción laboral da mocidade e das persoas con máis dificultades para atopar un emprego.

Entre os programas que combinan formación e contratación, sinalou os obradoiros de emprego, unha iniciativa que desenvolve a Xunta en colaboración cos concellos galegos na que, ademais, os participantes teñen a posibilidade de obter un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado. Tamén referiuse ao Aprol Rural do que foi beneficiario o Concello de Curtis cunha axuda de máis de 13.000 euros.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre