Inicio Galicia A Xunta destaca os máis de 330M? que se están a investir...

A Xunta destaca os máis de 330M? que se están a investir na construción de 12 parques eólicos na provincia de Lugo

0

O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, e o delegado territorial, José Manuel Balseiro, visitaron hoxe as obras do parque eólico A Pastoriza, que está a construír a empresa galega Norvento nos concellos da Pastoriza, Mondoñedo e Riotorto

O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitaron hoxe as obras do parque eólico Pastoriza, que se está a construír nos concellos lugueses da Pastoriza, Mondoñedo e Riotorto.

Esta infraestrutura, na que a empresa galega Norvento inviste preto de 30 millóns de euros, contará cunha potencia de 36MW, e permite a creación ou mantemento de preto de 430 postos de traballo na fase de construción e 7 na de explotación. Ademais, suporá unha importante fonte de ingresos para os concellos beneficiados, tanto a través dos impostos municipais como do canon eólico.

Na visita Ángel Bernardo Tahoces destacou o papel que están a desenvolver as enerxías renovables na creación de riqueza e emprego na provincia, e así, sinalou que do total de 16 parques eólicos que se están a construír nestes momentos en Galicia, 12 corresponden a Lugo, onde se están a investir máis de 330 millóns de euros. Estas actuacións, ademais, permiten crear ou manter preto de 4800 empregos na fase de construción, e 64 na fase de mantemento.

A posta en marcha da nova Lei de implantación empresarial está contribuíndo á dinamización do sector eólico, que supón unha oportunidade para avanzar no desenvolvemento de proxectos vinculados coas enerxías renovables e, de xeito particular, coa eólica. A nova Lei ofrece unha regulación máis áxil e máis transparencia e seguridade, sen perder as máximas garantías urbanísticas, técnicas e ambientais.

Coas Directrices Enerxéticas de Galicia 2018-2020 búscase tamén mellorar a calidade de vida dos galegos, a través do abaratamento dos custos e o aumento da calidade da subministración, e a competitividade do tecido empresarial grazas a un crecemento económico sustentable, apostando pola eficiencia e a potenciación das enerxías renovables de carácter autóctono. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre