Inicio Galicia A Xunta destaca o valor da formación profesional dual para facilitar a...

A Xunta destaca o valor da formación profesional dual para facilitar a inserción laboral no sector pesqueiro

0

O Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro de Vigo imparte o grao superior dual de Organización do Mantemento de Maquinaria de Buques e Embarcacións, que ten carácter experimental

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe os beneficios da formación profesional dual para o sector marítimo-pesqueiro, pois busca responder ás demandas do sector co obxectivo de facilitar a inserción laboral e acadar o relevo xeracional neste ámbito. Así o sinalou durante a visita ao Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo, onde se imparte o grao superior dual de Organización do Mantemento de Maquinaria de Buques e Embarcacións.

Esta FP dual ten carácter experimental e con ela o alumnado compaxina a formación académica coa formación práctica nas instalacións de distintas empresas con buques de arrastre e palangre de altura e gran altura que operan en caladoiros como Gran Sol, NAFO (Organización de Pesqueiras do Atlántico Noroeste) ou Malvinas.

Durante a visita, na que estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento, Pesqueiro, Susana Rodríguez, a conselleira tamén puxo en valor o labor realizado polos docentes do centro para adaptarse ás esixencias da actualidade marcada polo coronavirus e dar cumprimento aos protocolos que establecen as autoridades sanitarias.

Un labor, sinalou a titular de Mar, que contribúe a seguir ofertando a formación de calidade pola que aposta o Goberno autonómico. Neste sentido, lembrou que as contías asignadas a formación marítimo-pesqueira no orzamento da Consellería do Mar deste ano medraron máis dun 4% con 9,7 millóns de euros, o que supón a maior cifra da última década.

Outro dos aspectos desta aposta que mencionou Rosa Quintana é o da defensa que realiza Galicia ante a Unión Europea de medidas que fagan atractiva a actividade como a mellora da habitabilidade dos buques; unha cuestión explicou, que a comunidade autónoma galega solicita que se teña en conta no futuro Fondo Europeo Marítimo e de Pesca. Deste xeito, engadiu, a renovación dos buques permitiría ter embarcacións máis conectadas con terra e máis habitables, o que redundaría nunha maior comodidade e mellor calidade de vida a bordo.

O Instituto Politécnico do AtlánticoO Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo creouse no 1965 para impartir as ensinanzas profesionais náutico-pesqueiras, no 1982 foi transferido á Xunta e depende da Consellería do Mar xunto coas escolas oficiais nautico-pesqueiras de Ribeira e Ferrol e o Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa).É centro nacional de referencia en pesca e navegación e nel impártese formación regrada (ciclos formativos) relacionados coa navegación e pesca litoral, transporte marítimo e pesca de altura e mecánica naval. A media de alumnado que se matricula na formación regrada deste instituto por curso é dunhas 190 persoas. Tamén oferta formación non regrada (cursos que adoitan ser de menor duración e que se imparten atendendo ás necesidades formativas do sector nos centros e nos portos), como, por exemplo, a de mariñeiro pescador, capitán de pesca, patrón costeiro polivalente, formación sanitaria e mariscador a pé, entre outros.

Entre as súas instalacións conta con diferentes aulas como as de electricidade, frío, hidráulica, de informática e sanitaria. Tamén conta con biblioteca, salón de actos, planetario, simulador de máquinas e talleres de soldadura e motores e máquinas, entre outros. Ademais este instituto dispón dunha residencia ao servizo do alumnado.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre