Inicio Galicia A Xunta destaca o valor da formación como clave para impulsar o...

A Xunta destaca o valor da formación como clave para impulsar o emprego de calidade e a transformación do tecido empresarial

0

Conde apunta que a prioridade das políticas activas de emprego da Xunta é mellorar a cualificación das persoas traballadoras en Galicia ofrecéndolles acceso a unha formación que lles facilite a entrada no mercado laboral

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe o valor da formación como clave para impulsar o emprego de calidade, a competitividade e a transformación do tecido empresarial. Así o manifestou durante a súa intervención no XXVII Congreso Nacional de Empresas de Formación baixo o lema “O novo rumbo da formación”, ao que tamén asistiu o titular do Medio Rural, José González.

Conde salientou que ese novo rumbo que está tomando a formación ten moito que ver co impacto que a tecnoloxía está a ter sobre a industria e, en consecuencia sobre o mercado de traballo. Precisou que a Industria 4.0 xa fixo acto de presenza e son moitos os sectores industriais que están atravesando un proceso de transformación tecnolóxica. En consecuencia, dixo, todo iso está a ter un impacto directo sobre o emprego porque agora son moitas as empresas que demandan perfís máis especializados.

O titular de Economía, Emprego e Industria sinalou que o talento e o emprego cualificado é o que hoxe nutre ás empresas, que teñen que dar ese paso obrigado que supón a dixitalización. Polo tanto, recoñeceu que o nivel de formación dos seus empregados vai ser un factor clave para medir a súa competitividade como o está sendo xa á hora de acceder a un posto de traballo.

Formación flexible e dualNeste sentido, apuntou que a prioridade das políticas activas de emprego da Xunta é mellorar a cualificación das persoas traballadoras en Galicia, ofrecéndolles acceso a unha formación que lles facilite a entrada no mercado laboral; tendo en conta que incentivar esa formación, dixo, é contribuír a mellorar a competitividade da industria e das pemes galegas.

A Xunta, remarcou, aposta pola formación flexible e dual. E como exemplo desa aposta está o programa de Unidades Formativas en Empresas, lanzado o pasado ano coa colaboración do tecido empresarial. As empresas deciden como, cando e que cursos formativos precisan impartir e a Xunta lles financia o 100% desa formación, que tamén vai dirixida a persoas desempregadas co compromiso de contratación de, como mínimo, o 40% dos alumnos.

Conde lembrou que onte mesmo se resolveu a convocatoria deste programa para o ano 2019, que suporá a posta en marcha nas vindeiras semanas de 264 Unidades Formativas en 88 empresas galegas para formar a 2800 ocupados e desempregados. Desde que comezou esta iniciativa, o único programa do Estado que ofrece formación á carta dirixida ao tecido empresarial, a Xunta investiu 12,7 millóns de euros para apoiar 690 cursos e chegar a máis de 7000 persoas.

Trátase dun programa que permitiu a inclusión de 41 novas especialidades no catálogo formativo do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) e que impartirá formación en sectores como o da automoción, o naval ou o forestal -que contan con plans de formación específicos-, ou o aeronáutico.

As Unidades Formativas enmárcanse no Plan Galego de Formación 2019-2020, ao que a Xunta destina máis de 57 millóns de euros, para que máis de 26.000 persoas ocupadas e desempregadas poidan mellorar a súa formación a través dunha oferta de preto de 1.900 cursos deseñada para responder aos retos da Industria 4.0 e a innovación nos procesos produtivos.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre