Inicio Galicia A Xunta destaca o traballo das mariscadoras galegas como exemplo de éxito...

A Xunta destaca o traballo das mariscadoras galegas como exemplo de éxito na coxestión dos recursos mariños

0

A directora xeral puxo de relevo a importancia a nivel global da frota artesanal galega que está composta por arredor de 3.900 unidades que capturan máis de 100 especies diferentes

A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, participou hoxe na presentación do obradoiro Co-Construyendo futuros sostenibles para la pesca de pequeña escala, onde puxo como exemplo de éxito na coxestión dos recursos mariños o desenvolvido en Galicia coas mariscadoras e coa pesca artesanal en varias especies.

Neste sentido, a directora xeral puxo de relevo a importancia a nivel global da frota artesanal galega que está composta por arredor de 3.900 unidades que capturan máis de 100 especies diferentes. Tamén puxo en valor a marca de calidade pescadeRías que busca valorizar a produción efectuada pola pesca de pequena escala.

O obradoiro no que participou a directora xeral está organizado pola Södertörn University coa colaboración da Universidade de Santiago, conta coa colaboración da Consellería do Mar e representa o punto final a unha investigación iniciada en 2014 e levada a cabo por un grupo transdisciplinario de investigadores procedentes de Chile, Sudáfrica, Vietnam e Suecia. Nela o grupo analizou a situación da pesca de pequena escala en Chile, Sudáfrica e Vietnam, en diálogo directo cos pescadores, realizando un mapeo dos retos aos que se enfrontan, entre eles a globalización dos mercados e os efectos da pesca industrial.

Este estudo, lembrou a directora xeral, tamén reflicte que a pesca de pequena escala contribúe ao 66 % do consumo humano directo mundial e que constitúe unha actividade clave para o sostemento das comunidades costeiras. Ademais Mercedes Rodríguez destacou que, segundo a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación (FAO), preto de 40 millóns de persoas no mundo traballan na pesca de pequena escala. Tamén, engadiu que nas súas Directrices voluntarias para lograr a sustentabilidade da pesca en pequena escala destaca que para mellorar a situación destes pescadores resulta clave que os Estados invistan no desenvolvemento humano das comunidades de pescadores e se lles consulte sobre as decisións que lles afectan.

Neste sentido, subliñou que o obradoiro que acolle Vilagarcía entre hoxe e o 5 de xullo xorde como espazo de debate e organízase en Galicia, salientou, “para ver de cerca o exitoso traballo de coxestión desenvolvido polas mariscadoras galegas e coa pesca artesanal en varias especies”. De feito, este encontro ten entre as súas finalidades intercambiar coñecementos e experiencias transformadoras entre pescadores artesanais e expertos procedentes de Chile, España, Sudáfrica e Vietnam, co fin de atopar solucións integradas para afrontar conxuntamente os desafíos sociais, económicos e ambientais futuros da pesca artesanal. Tamén busca recoñecer, visibilizar e por en valor o traballo realizado pola muller.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre