Inicio Galicia A Xunta destaca o potencial do Campionato do Mundo de Carreiras de...

A Xunta destaca o potencial do Campionato do Mundo de Carreiras de Aventuras para a promoción internacional do Camiño de Santiago

0
image_gallery.jpg

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, sinala a importancia deste evento deportivo para dar a coñecer noutros países o patrimonio natural de Galicia e as rutas xacobeas no Ano Santo


O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, destacou o potencial do Campionato do Mundo de Carreiras de Aventuras, do que Galicia será sede o próximo ano, para a promoción no exterior das distintas rutas do Camiño de Santiago que atravesan a comunidade. Nesta liña, incidiu na importancia deste evento deportivo nun ano clave para o turismo galego, coincidindo co Xacobeo 2021.

Así o sinalou durante unha reunión esta semana co organizador do campionato, José Manuel Rodríguez, e o director da carreira, Pablo López, aos que lle trasladou o apoio da Xunta a este evento deportivo que reunirá na comunidade en outubro do ano que vén a equipos dos cinco continentes. No encontro tamén participou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.

A carreira combinará probas de ciclismo, trekking, kayak e barranquismo e transcorrerá por máis de 600 quilómetros polas catro provincias galegas, entre os que se inclúen tramos de rutas xacobeas como o Camiño Francés, o Inglés, o do Norte, o Primitivo e o de Inverno. Ademais, terá como escenario algúns dos principais espazos naturais da comunidade como As Fragas do Eume ou a Ribeira Sacra.

Alfonso Rueda incidiu que o evento deportivo contribuirá a dar a coñecer noutros países dous dos elementos que marcan a diferencia do turismo galego: o Camiño de Santiago e o patrimonio natural. En definitiva, segundo destacou, unha boa oportunidade para a promoción de Galicia como destino turístico a nivel internacional nos países que se retransmitirá e que, ademais, terá aos deportistas participantes como os mellores embaixadores do turismo galego no exterior.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre