Inicio Galicia A Xunta destaca o papel das universidades no fomento da igualdade e...

A Xunta destaca o papel das universidades no fomento da igualdade e na erradicación da violencia de xénero

0

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe no acto de conmemoración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres na Universidade da Coruña


A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou hoxe, durante o acto conmemorativo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres celebrado na Universidade da Coruña, o importante papel que desenvolven as universidades no fomento da igualdade e na erradicación da violencia de xénero.

López Abella sinalou que as universidades constitúen un dos ámbitos de socialización que máis inflúen na aprendizaxe das novas xeracións e, por tanto, instou a traballar desde estas institucións académicas na prevención de actitudes sexistas e discriminatorias e na sensibilización e a visibilización dun problema de tanto calado social como é a violencia de xénero. Neste sentido, incidiu en que a educación é a porta de entrada para inculcar a igualdade entre os máis novos.

A Xunta aposta por previr, sensibilizar, crear conciencia social e loitar contra a violencia de xénero para acadar unha sociedade xusta e libre de violencia machista. Por iso, o Goberno galego, a través de distintas medidas, amosa o seu compromiso a prol da igualdade entre mulleres e homes en tódolos ámbitos e avoga tamén pola supresión da discriminación por razón de xénero.

A Administración autonómica asinou o pasado maio una acordo coas tres universidades galegas no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero para levar a cabo medidas para a loita contra a violencia machista. O convenio está dotado con 300.000 euros, dos que corresponden 100.000 euros a cada unha das tres institucións académicas.

Entre as actuacións financiadas destacan o reforzo e a ampliación dos valores igualitarios ou da educación afectivo-sexual; a implicación das unidades de Igualdade das universidades na realización de estudos sobre o impacto do acoso, as agresións e os abusos sexuais no ámbito universitario; a formación permanente a docentes en prevención da violencia de xénero; o deseño de programas de prevención, detección e protocolos especializados; ou a actualización dos existentes en atención e actuación das diferentes violencias sexuais, sobre as que tamén se fomentará a investigación.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre