Inicio Galicia A Xunta destaca o papel da feira Xantar como dinamizadora económica e...

A Xunta destaca o papel da feira Xantar como dinamizadora económica e impulsora dos sectores agroalimentario e turístico

0

José González reafirmou o apoio do Goberno galego a este tipo de eventos porque constitúen unha oportunidade magnífica para dar a coñecer o mellor da nosa terra

O conselleiro do Medio Rural, José González, puxo hoxe en valor o papel da feira Xantar como dinamizadora económica e como factor de coordinación e impulso de dous sectores claves para Galicia, como son o agroalimentario e o turístico. Fíxoo na clausura da XX edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico, Xantar 2019, acto no que estivo acompañado polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez.

O titular de Medio Rural fixo unha chamada a presumir da calidade que atesouran os produtos agroalimentarios galegos e lembrou que a gastronomía constitúe, precisamente, unha das principais motivacións dos turistas que nos visitan.

Por iso, o conselleiro reafirmou o apoio da Xunta a este tipo de eventos, xa que constitúen unha oportunidade magnífica para dar a coñecer o mellor de Galicia. Nesta mesma liña, salientou a importancia de que esta calidade estea amparada polas denominacións de orixe e as indicacións xeográficas protexidas, porque supoñen unha garantía de que o que se consume, tanto a materia prima como a súa trazabilidade, é integramente galego.

Neste sentido, José González destacou como puntos fortes da nosa comunidade neste ámbito as súas 33 denominacións de calidade, así como as máis de 300 festas gastronómicas que se celebran cada ano en Galicia.

O conselleiro amosou a súa satisfacción por clausurar unha feira da que salientou a súa relevancia internacional e a súa traxectoria, xa que nesta edición cumpre 20 anos de historia e de éxito como exemplo de cooperación público-privada para fomentar un sector tan importante como o turismo gastronómico.

Neste contexto, enxalzou tanto as materias primas do agro e do mar de Galicia como o traballo dos nosos mestres de cociña, especialmente en vésperas de celebracións tan relevantes no calendario festivo como o entroido, que definiu como a época do ano na que máis e mellor se come na nosa terra. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre