Inicio Galicia A Xunta destaca o labor das agrupacións de Voluntarios de Protección Civil...

A Xunta destaca o labor das agrupacións de Voluntarios de Protección Civil para protexer á cidadanía ante as emerxencias

0

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou hoxe a agrupación de Muxía para coñecer de primeira man as súas necesidades

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, destacou hoxe na súa visita á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) de Muxía que se trata dunha das máis activas de Galicia e, por tanto, un referente no voluntariado de Protección Civil na nosa comunidade.

Santiago Villanueva destacou que as agrupacións como a de Muxía son un piar básico das emerxencias en Galicia que contribúen a reforzar os servizos profesionais mellorando así a seguridade da cidadanía. Na súa visita estivo acompañado do alcalde Iago Toba e coñeceu as demandas e necesidades desta agrupación creada en 1992 e que conta con máis de 50 voluntarios, o que supón un 1% da poboación do municipio.

Os efectivos desta AVPC realizan tarefas de prevención e colaboran na atención ás incidencias que se producen durante as 24 horas do día. Ademais, encárganse da asistencia aos peregrinos que realizan a ruta do Camiño de Santiago pola costa ou de controlar o tráfico no acceso aos centros educativos do concello.

O director xeral de Emerxencias incidiu na solidariedade que amosa a AVPC de Muxía debido á súa colaboración en operativos de Protección Civil fóra do seu concello. De feito, forma parte das 74 que conforman a rede de Protección Civil da provincia da Coruña e trátase dunha das agrupacións que máis servizos presta noutros municipios da provincia.

Tamén resaltou o labor altruísta que levan a cabo no seu traballo diario estes voluntarios para velar pola seguridade dos cidadáns. Por iso, incidiu en que a colaboración da Xunta cos concellos neste ámbito para a dotación dun equipamento adecuado permite que os servizos municipais de emerxencias poidan realizar as súas funcións en condicións que garantan a protección dos seus efectivos e, por ende, dos seus veciños.

Villanueva apelou ademais á necesidade da formación no eido das emerxencias para contar con profesionais preparados e ben formados que poidan prestar unha resposta eficiente ante calquera incidencia. A Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) inclúe no seu plan de formación cursos para actualizar os coñecementos tanto do persoal das AVPC como dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), os servizos municipais de Protección Civil e os servizos de extinción de incendios. Os novos membros das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil tamén reciben na AGASP o curso obrigatorio para obter o seu carné de voluntario.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre