Inicio Galicia A Xunta destaca o espírito construtivo da nova xeración de nenas, nenos...

A Xunta destaca o espírito construtivo da nova xeración de nenas, nenos e adolescentes que está a medrar en Galicia

0

O Executivo autonómico garante que a infancia e a adolescencia ocupan un lugar destacado na axenda pública de Galicia

A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, sinalou hoxe que a nova xeración de nenas, nenos e adolescentes que está a medrar en Galicia conta co espírito crítico e construtivo que toda sociedade precisa para avanzar cara a un futuro mellor. Díxoo tras asistir no Pazo do Hórreo ao debate que protagonizaron escolares galegos no marco do VII Foro de Participación Infantil, organizado polo Parlamento de Galicia e Unicef.

Amparo González destacou a importancia que teñen eventos como este nos que os menores teñen a oportunidade de falar con voz propia, sen intermediarios, sobre aquelas cuestións que realmente son do seu interese. Neste sentido, garantiu que o Executivo autonómico seguirá a traballar para converter as propostas que xurdiron neste foro infantil en accións concretas que melloren a vida deste colectivo no ámbito educativo, sanitario ou dos servizos sociais, entre outros.

A directora xeral afirmou que a infancia e a adolescencia ocupan un lugar prioritario na axenda pública e puxo como exemplo a firma o pasado mes de abril do Pacto Galego pola Infancia, que compromete a todos os grupos parlamentarios na mellora da situación das nenas, nenos e adolescentes que viven en Galicia. Ademais avogou por estender este obxectivo ás nenas e nenos de todo o mundo, na liña que recolle a Convención dos Dereitos do Neno da que estes días se celebra o seu 30 aniversario.

Amparo González defendeu a necesidade de continuar a escoitar ás rapazas e rapaces porque son os que tomarán as decisións no futuro para facer deste mundo un lugar máis amable, habitable e mellor; e porque xa amosaron que teñen moito que dicir e achegar en temas tan importantes como a defensa do medio ambiente, o cambio dixital e as novas tecnoloxías.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre